Retablos e figuras

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

RIANXO

Imagen del retablo que ha desaparecido de la capilla de San Xoán.
Imagen del retablo que ha desaparecido de la capilla de San Xoán.

02 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A recente desaparición do retablo barroco da Capela da Ermida, no Araño (Rianxo), pon enriba da mesa un debate que nin a sociedade nin as institucións parecen ter aínda incorporado como unha prioridade. Galicia ten 3.659 parroquias, das que o setenta por cento se localizan no rural. A isto habería que engadir centos de capelas e ermidas dispersas polo territorio, moitas delas en lugares onde apenas vive unha ducia de familias, ou menos. É un patrimonio inmenso, profuso e fráxil, espallado en pequenos núcleos que teñen cada vez menos poboación e menos capacidade organizativa.

Aínda que o patrimonio relixioso é legalmente propiedade de cabidos e bispados, son os veciños os que asumen de seu as reparacións e conservación. Con recursos limitados e xenerosidade, moitas veces suplindo a inacción dun propietario que apenas aparece. A responsabilidade da institución eclesiástica remata recaendo nos ombros dun pobo envellecido.

Que un retablo situado nun interior húmido, nunha capela que só abre de cando en vez para ventilar ou para unha misa, presente lesións pola couza, polos bichos ou pola acción da humidade, non debería sorprender a ninguén. O que si sorprende é que a súa conservación profesional, que require especialistas e recursos, resulte inasumible para as comunidades locais e permaneza fóra das prioridades da Igrexa. Pola súa banda, a Xunta dificilmente poderá asumir a conservación de todo o patrimonio relixioso do país sen un modelo claro e sostible para o futuro.

O que pasou no Araño é só un aviso. O reto é enorme e agarda que alguén decida tomalo en serio.