A Casa Real aposta por Ribeira con be

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

A institución usaba o topónimo deturpado pero rectificou tras unha queixa da Mesa pola Normalización

13 feb 2019 . Actualizado a las 09:33 h.

Se a máxima institución do Estado sentara cátedra, o dilema sobre se o topónimo de Ribeira se escribe con be ou con uve estaría resolto. A Casa Real sitúase no bando da be, aínda que precisou da intervención da Mesa pola Normalización Lingüística para facelo porque ata non hai moito non empregaba a forma que recolle a Toponimia Oficial de Galicia, senón a que defende o Concello.

Foi unha queixa trasladada por un cidadán na que apuntaba que a web da Casa Real utilizaba varios topónimos deturpados, entre eles Riveira, a que puxo en marcha a maquinaria monárquica e provocou a rectificación para substituír a uve.

Este é un dos logros recollidos pola Mesa no seu informe sobre a Liña do Galego, un servizo no que recompila as denuncias da cidadanía por discriminacións e vulneracións de dereitos no uso da lingua de Rosalía, unha relación de queixas na que, no que respecta ao territorio barbancés, a deturpación do topónimo ribeirense está un ano máis á cabeza. Con todo, non é o único caso que se produce na comarca, e Arosa, Puebla, Noya o Juno son algunhas das excepcionais formas empregadas por diversas empresas para aludir ás distintas localidades e á propia ría arousá.

En total, no conxunto de Barbanza rexistráronse o ano pasado unha trintena de queixas relativas ao mal uso -ou a ausencia de uso- do galego tanto por parte das Administracións como de empresas particulares. Os casos rexistrados na zona supoñen o 10 % do total de Galicia, onde se recolleron 303 denuncias. Neste sentido, destaca o feito de que a maioría teñen como protagonistas as institucións públicas, un feito que para a Mesa pola Normalización resulta preocupante. «É alarmante que quen ten obriga de garantir o respecto dos dereitos lingüísticos da cidadanía encabece a lista de queixas, sendo non só cómplice destas actitudes senón promotora directa», sentenciaba Marcos Maceira, presidente da entidade.

Máis incumprimentos

No caso barbancés, aparte dos concellos, son o Sergas e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue as institucións que acumulan máis incumprimentos, segundo o informe da Liña do Galego, principalmente polo uso deturpado do topónimo Ribeira. Pero á Mesa pola Normalización Lingüística chegaron tamén queixas porque determinados formularios e carteis do hospital comarcal só aparecen en castelán ou por un cartaz dun acto dirixido ao persoal do centro, que tampouco estaba en galego.

Pola súa banda, a Axencia Galega de Infraestruturas denomina Pedrás ao río Pedras nos letreiros de sinalización da autovía de Barbanza, e a Policía Nacional tampouco se libra dunha denuncia porque a renovación do DNI só se pode facer en castelán.

En canto ás Administracións locais, o Concello de Ribeira tamén foi obxecto de crítica por empregar carteis de aviso unicamente na lingua de Cervantes ou ben mesturando galego e castelán, mentres que se dirixiu unha queixa ao de A Pobra por parte dun veciño que denunciou que non foi posible que o atenderan en galego no rexistro municipal.

Ata catro idiomas

Outro caso curioso é o de Carnota, que na súa oficina de turismo dispuña dunha enquisa ata en catro idiomas, pero ningún deles era o galego.

Outras institucións públicas que aparecen mencionadas no informe son a mancomunidade Arousa Norte, a Federación Galega de Fútbol (polo uso de Riveira na súa web) e Turismo de Galicia. Porén, a Liña do Galego non recolle unicamente queixas, tamén inclúe parabéns para empresas e institucións que aposten polo uso do galego. Neste apartado, aparecen diversas firmas con sede en Barbanza, coma un negocio de peixería rianxeiro ou restaurantes de Carnota e Outes que teñen a rotulación e sinalización e prestan atención na lingua autóctona ou aseguradoras que facilitan a documentación para as pólizas neste idioma.

A campaña En Rianxo ao noso xeito tamén merece unha mención pola promoción da linga na paisaxe comercial do municipio a través de material coma bolsas.