Manuel Ángel Pena, entrenador del Cidade de Ribeira: «Hai que facer un equipo; no fútbol os nomes non garanten nada»

RIBEIRA

ADRIÁN GONZÁLEZ

Afronta o reto de dar vida a un club que nace para revitalizar o deporte da localidade

14 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Ángel Pena (Ribeira, 1978) será o primeiro adestrador da historia do Cidade de Ribeira. Volve ao campo da Fieiteira para crear un proxecto que parte de cero e coa meta de revitalizar o fútbol na localidade. Aquí explica por que deu o paso e cal cree que é o mellor camiño para que o equipo acade o éxito.

-Como se xestionou a súa chegada a este novo Ribeira?

-A verdade é que pensei que eu non sería o adestrador. Por cuestións do pasado, o meu nome non estaba na lista. Meu irmán -Fran Pena - foi falando con xogadores para volver e a directiva deu o paso de falar comigo. Arranxamos certas cousas e decidín dar o paso. Ao vir puidemos pechar xogadores que tiñan outras ofertas importantes, pero tamén ilusión por este proxecto. Intentamos ter aos mellores deportistas posibles e co tempo esperamos que outros tamén se sumen.

-O certo é que, para ser o primeiro ano, conseguiron pechar unha boa escuadra.

-O proxecto ilusiona, pero agora hai que facer un equipo; no fútbol os nomes non garanten nada. Primeiro debemos ser un bloque. Non podemos marcarnos xa a esixencia do ascenso. Eu son moi ambicioso, pero empezamos de cero e hai que facer as cousas o mellor posible. O importante é crear un grupo de xente con compromiso, que se acostume a adestrar. E queremos que os afeccionados suban cada domingo que nos toque xogar, pero temos que darlles motivos para que o fagan. E iso acádase competindo contra tódolos rivais.

-Adoita acontecer que marcar un ascenso pode ser contraproducente para un equipo.

-A min a directiva non me pediu ningún obxectivo. Se non é no primeiro ano, seguiremos intentándoo. O ascenso sempre é complicado, e haberá equipos que se reforcen. Non debemos meterlle esa presión aos xogadores.

-Que temas tivo que arranxar coa directiva?

-Tivemos que falar cousas do pasado, do presente e do futuro. Ver onde se estaba fallando. Arranxamos eses temas e agora toca darlle un empurrón ao fútbol de aquí. Non contaba con adestrar esta tempada. O ciclo que comecei en Boiro fai cinco anos esgotábase e pensaba parar.

-Que lle parece a unión entre clubs que se fixo en Ribeira?

-Cando era o adestrador do Ribeira e estábamos en Preferente, que xa é unha liga bonita, non podía entender que houbera tanta guerra entre os clubs. Aos xogadores tampouco lles ilusionaba estar no noso equipo. Facía falta a unión. Xa se puido facer antes, pero é a mellor decisión. É un paso importante.

-O fútbol ribeirense non estaba no seu mellor momento.

-Eu si vin aquí non é para prometer nada. O único, traballo e seriedade. Non quero un equipo que adestre de mala maneira ou que os xogadores cheguen ao campo e haxa seis persoas e teñan que dar volta. Iso pasaba e así non podes competir. Se é necesario completaremos os adestramentos con xuvenís e con xente do B. E subiremos a quen o mereza. Pero o importante é ter compromiso para ir adestrar.

-Con vostede veñen algúns rapaces que tivo no Boiro.

-Dinlles unha opción máis. Quixeron volver e para nós é xenial. Querían adestrar e tamén é importante contar cunha base e que se preparen para o futuro. Do equipo que tiña en Boiro hai varios que van xogar en División de Honra, e sei que nuns anos poden xogar en Preferente. Todo depende de como o collan, pero teñen nivel.

-E coa xente do B, que plan ten?

-Non lle vou regalar nada a ninguén, sexa do primeiro equipo, do xuvenil ou do B. Se alguén o merece vou ser o primeiro que os leve a xogar.

-Pecha unha etapa de cinco anos no Boiro.

-Si, e quero darlle o meu agradecemento ao Boiro pola oportunidade. Tanto a David Places como a Changui, pero sobre todo ao grupo que tiven dende infantís, que seguramente sexa un dos mellores cos que estiven. E tamén a Moreno e Toño.

-A gran dúbida é cando empezará a liga. Hai ganas?

-Pásanos a nós e a calquera que lle guste o fútbol. O outro día dicíase que arrancaba o 4 de outubro, pero agora tamén de que non empezará ata xaneiro. Será un baixón, pero non depende de nós. Tocará facer unha pretempada máis longa. O máis importante é a saúde.