Ribeira non se esquece da Festa da Dorna e prepara xa a edición do próximo ano

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

RIBEIRA

A charanga TNT foi un dos grupos que animou as rúas do casco urbán
A charanga TNT foi un dos grupos que animou as rúas do casco urbán DAVID COSTAS

O espírito dorneiro estivo moi presente nunha xornada na que imperou a prudencia

25 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ribeira non tivo este ano Festa da Dorna por culpa da pandemia, pero iso non impediu que onte as camisetas das peñas, os suadoiros oficiais e o bo ambiente reinara na localidade. Comezou o día coa tirada de bombas de palenque baixo unha chuvia que non facía xustiza a un 24 de xullo, pero o sol foi gañando terreo e a música das charangas e os gaiteiros animando aos veciños.

Na avenida do Malecón, unha pequena mostra de carrilanas facía pensar en tempos mellores, en que no 2022 volverán baixar a toda velocidade polas rúas de Santa Uxía. Tamén fixo o seu traballo o xurado dorneiro encargado de avaliar as creacións dos hostaleiros que participaron na ruta de tapas. Tras moito deliberar chegaron a acordo, e o vencedor foi o bar O Porto, que presentou a súa Samburiña con tocado de jala, composta por zamburiña, pataca, pementos, fariña, nata e cítricos.

A través da Rede

O exame de patróns tivo que facerse no ámbito privado e retransmitirse pola Rede, con seis novas peñas buscando a súa aceptación na cofradía. Ao peche desta edición estaba prevista a tirada de fogos artificiais no peirao, programada para as 23.59 horas. Ademais, tamén se entregaron os premios á decoración de casas, comercios e bares. Os galardóns ás vivendas máis engalanadas foron para Dolores María Ramos, Pablo Pérez e Silvia Varela. No caso dos establecementos comerciais os mellores foron O Faiado, Rincón do Chocolate e Farmacia do Malecón. E os triunfadores nos bares foron Cocoluche e Abuela Gloria.

Non houbo Festa da Dorna, pero o seu espírito estivo moi presente en Ribeira, onde tamén imperou a prudencia pola evolución da pandemia.