Juan José Lobera, creador de instrumentos: «Busquei ser dono das 24 horas»

iago martínez LA VOZ

RIBEIRA

MARCOS CREO

Juan José Lobera fabrica instrumentos de percusión no seu obradoiro de Sirves (Ribeira). Comezou traballando no mar, pero agora leva unha vida máis calmada que compaxina vendendo en feiras tradicionais.

22 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan José Lobera é o exemplo perfecto de vida sinxela, acougada e feliz. Elabora instrumentos de percusión no seu obradoiro de Sirves (Ribeira) dende hai máis de 25 anos. «Canso de traballar no mar e de ser un asalariado, busquei ser dono das miñas 24 horas», di. O veciño de Ribeira non tiña unha especial predilección polo seu emprego actual, simplemente topouse cunha profesión que lle permite dedicarlle só catro horas ao día e vivir tranquilo, sen grandes preocupacións.

MARCOS CREO

Juan José sempre estivo en sintonía co traballo manual, dende a vida no campo ata os anos nos que andou navegando. «No mar dedicábame a ser mecánico, a reparar», comenta. As súas habilidades manuais, das cales prefire non presumir, permitíronlle arriscarse e lanzarse a ser economicamente independente.

«Nos anos 90 atopei un rapaz que se dedicaba a facer dyjembés, que son uns instrumentos de percusión de orixe africana similares aos timbais», comenta sobre os seus inicios. «Despois comecei a ir a feiras de todo tipo para ir introducíndome no mundo cando o mar mo permitía».

A decisión definitiva de traballar en terra firme foi arriscada, pero tamén acertada. Pasando por un corto período sustentándose co paro, Juan José Lobera iniciou un proceso autodidacta. Foi atopando dificultades en diversos aspectos, como o curvado das madeiras, polo que decidiu acudir a un curso. Deu con el en Narón, onde o Patronato de Cultura organizaba clases de elaboración de instrumentos tradicionais galegos. Continuou acudindo a feiras, xa como vendedor co seu propio posto de artesanía. Caixóns flamencos, tamborís e sobre todo pandeiretas abundan no seu labor habitual: «En Galicia a cultura da pandeireta nótase. Ademais, nunha banda musical adoita haber un só bombo e dez ou doce pandeiretas, polo que é normal que os encargos abunden neste caso».

«No día a día non sempre hai encargos fixos; cando máis se traballa é na época de feiras e festivais tradicionais», comenta Juan José. Destaca o Festival de Ortigueira, así como a Feira Celta de Porto do Son, a Feira Medieval de Noia ou a Feira Artesanal e Mariñeira de Ribeira.

Lobera ten unha xornada laboral moito máis curta ca da media. Ten clara a súa filosofía de vida: «Eu non vivo para traballar. A xente está afeita a que o traballo non lle achegue beneficios mentais, e acotío económicos. A xente ten gastos e necesidades, e dálle medo lanzarse a facer un cambio», di este artesán de instrumentos musicais.

O barbancés asume que podería gañar máis cartos se lle dedicase máis tempo, pero a vida sinxela que leva, sen consumismo e compaxinando o traballo coa súa horta, permítelle vivir facilmente co que ten e pode satisfacer as súas necesidades. «Non teño hipotecas nin fillos, polo que os gastos son moi limitados», engade. Herdou un par de fincas e para el o coidado da horta e deses espazos é tan importante como o seu oficio.

Juan José buscaba ser dono das súas 24 horas, arriscouse e, levando unha vida sobria, obtivo o seu obxectivo, contribuíndo ademais á cultura galega.

MARCOS CREO