As peñas tomaron a cidade nunha nova edición, a número 77, da singular festa
19 jul 2025 . Actualizado a las 15:47 h.A grande enchente aínda está por chegar, pero a marea dorneira xa se fai notar en Ribeira. Ataviadas con rechamantes camisetas de diferentes cores, as peñas tomaron a cidade nunha nova edición, a número 77, da singular festa que encherá de diversión Ribeira ata o vindeiro xoves. A primeira misión á que se enfrontaron foi o percorrido do facho dorneiro. Os Corsarios, equipo que o ano pasado se fixo coa valiosa Copa da Rei, foron os encargados de encabezar o desfile, ao que se sumaron integrantes de asociación como Ambar e A Creba e mesmo usuarios da residencia da terceira idade.
Xa pola tarde, as peñas disputaron a primeira proba desta singradura: o Enjalanamento das Fanequeiras, mediante a decoración, nalgúns casos a contrarreloxo, dos establecementos hostaleiros que serven de base de operacións ás diferentes agrupación dorneiras. Estaba previsto que a primeira xornada se alongara ata altas horas co Dansin in de Siti, a cargo de DJs apostados en diferentes prazas da cidade.
Coincidindo co arranque da festa, a asociación Renacer, coa colaboración da Cofradía da Dorna, puxo en marcha unha nova edición da campaña Naveja sejuro, sempre chuvasqueiro, consistente no reparto de dous mil preservativos, que estarán a disposición dos asistentes nos postos de venda de produtos dorneiros e nos establecementos hostaleiros. O obxectivo é sensibilizar á poboación da importancia de previr as infeccións de transmisión sexual.
Xojos en Coroso e Cansión de Tasca, as probas que afrontan as peñas
As peñas dorneiras afrontan hoxe dúas novas competicións que poñerán a proba as súas habilidades e tamén as súas gorxas. Ás 17.00 horas, enfrontaranse ao brilé, ás chapas, ao tiro da corda e a outros Xojos Populares similares na explanada de Coroso. A partir das 22.00, percorrerán os locais hostaleiros da cidade nunha nova edición da Cansión de Tasca, deleitando ao público con letras cargadas de humor.
Pero esta nova xornada festiva comezará xa ás 11.00 cunha invasión de gaitas. O pasarrrúas arrancará do Malecón, estenderase por toda Ribeira e culminará ás 15.30 cun folión na praza de Teruel. Coincidindo coa hora do vermú e o xantar desenvolverase a segunda e última edición da Ruta de Tapas, na que participan unha vintena de locais. E ás 18.00, en Coroso, haberá discoteca infantil.