


















































































Extravagantes e veloces bólidos puxeron en pausa a cidade coas súas manobras na costa da Mámoa
21 jul 2025 . Actualizado a las 20:38 h.A Festa da Dorna non tería o mesmo sabor sen a salsa do Jran Prix de Carrilanas nin o seu aroma a roda queimada polo asfalto da costa da Mámoa. Sábeno os dorneiros e por iso é unha das probas favoritas da gran festa en Ribeira. Proba diso son os centos de persoas que se congregaron en torno ao circuíto para comprobar de primeira man que non fai falta gastar un euro en gasóleo para romper a barreira do son, ou polo menos para intentalo con humor.
Con rigorosa puntualidade, aínda que soe raro ao tratarse da Dorna, comezou o descenso de carrilanas entre a ovación do público. Os primeiros en baixar pola Mámoa foron os Cajabois nun aerodinámico artefacto presidido por un cranio de cuadrúpede co que voaron sobre a pista.
Eles abriron a veda a un infinito cúmulo de bólidos que, con distinta sorte, lograron finalizar o percorrido. Custoulle bastante aos rapaces de Arria o Jallo. A súa mazurca de millo estivo a punto de non arrincar, pero o espírito de equipo levouna ata a meta. Tamén tivo un pequeno problema a dorna de Estou que Escacho, que acabou case desmontada e transportada polos seus ocupantes.
Piratas e peixe
Algún dos automóbiles máis rechamantes e funcionais foron os barcos pirata de Muxo Beti e dos Berberechos Asasinos. Tamén levantou aplausos, e non poucos o rape motorizado que propuxo Derrape Mental con motivo do seu 15.° aniversario. Causou sensación, ademais, un escenario improvisado de flamenco que logrou baixar a costa con todo un grupo entoando unhas bularías a fume de carozo.
Como é habitual, as referencias á cultura pop e á actualidade tampouco faltaron ao encontro. Por exemplo, Mala Nécora participou no vehículo de Los Picapiedra, mentres que Se Sarjo Me Lirio fixo o propio nun conseguido Rayo McQueen. Da mesma película de animación sacaron súa idea na peña As Luras Andan Duras para acabar o circuíto cun bo desempeño.
Non faltaron á cita Xarda Sivil co seu irónico furgón policial nin Os Polbos do Vilar cun papamóbil que xa lle gustaría a moitos ver aparcado na praza de San Pedro do Vaticano.
Unha das carrilanas que alcanzou máis velocidade no tramo final foi a de Pélame a Jamba, cun particular foguete de cor rosa que ben puido saír na foto dalgún radar da Policía Local por superar o límite establecido. As Parrochas Papudas baixaron nun posto de churros e Os Rapantes fixérono nun coche fúnebre cuxo féretro acabou lanzado encima do posto dos comentaristas da proba.
Durante máis dunha hora as risas puxeron o son en Ribeira ante a ausencia de motor nos bólidos. En fin, que como na Dorna en xeral, houbo un pouco de todo, pero sobre todo risas das boas.