O auditorio municipal serviu de escenario de distintas propostas artísticas
27 oct 2025 . Actualizado a las 12:31 h.Cando se fala de cultura galega, moitos reducen esta definición só ao mundo das letras. Pero hai moito máis, de feito, moitísimo máis, porque a comunidade é rica en cantantes, bailaríns, artesáns, actores, artistas ou músicos que fan de Galicia un lugar único.
Unha pequena mostra de toda esta riqueza que atesoura o país puido verse esta fin de semana no novo auditorio municipal de Ribeira, que por primeira vez acolleu o festival Culturgal Expandido, un evento que fixo da capital barbancesa o epicentro da cultura. O director do certame, Víctor López, xa o dixo durante a presentación, posto que o concello ribeirense, e a comarca en xeral, contan cun bo número de creadores e artistas locais que son todo un referente a nivel mundial.
O bailarín Fran Sieira foi un dos invitados a este evento no que impartiu dous talleres de danza, mentres que Miguel Guido presentou a peza infantil O lobo feliz. Tamén houbo espazo para falar de debuxo e letras da man de varios premiados nos premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación. Así, Ana Liste mantivo unha conversa con Sandra Lodi e Laura Suárez. A xornada do sábado rematou con cine, coa proxección de O Apóstolo, de Fernando Cortizo.
Programación infantil
O domingo os máis pequenos foron os protagonistas do Culturgal Expandido, que contou coa colaboración da Deputación da Coruña e do Concello de Ribeira. O día comezou coa actuación de grupo Ghazafellos, que presentou a peza infantil Contamos contos de lobos?; para logo dar paso a un espectáculo sobre a música rap a cargo de Irene Alonso Gasalla.
O mundo do audiovisual tivo o seu espazo cun obradoiro sobre sons de cinema que dirixiu Alba Pego, ao mesmo tempo que se celebraba un coloquio moderado por Chus Blanco e no que participaron varios premiados no certame literario Cidade Centenaria de Ribeira, Antonio Piñeiro, Irene Montero e Manuel Esteban.
Como colofón a esta edición do Culturgal Expandido, o ribeirense Quico Cadaval presentou a súa montaxe Fantasmas familiares, e a actriz local Susana Sampedro actuou de mestra de cerimonias na gala de despedida que contou coa actuación dos grupos musicais Nan Îlloa, Os Liantes, Lau Panicanela, XeVA & Mon-O.
A falta de facer o balance final desta iniciativa en Ribeira, a organización mostrouse encantada coa participación e xa anunciou a súa intención de volver o próximo ano.