JOSÉ MARÍA DE LA VIÑA O PATIO DA MEMORIA
07 nov 2001 . Actualizado a las 06:00 h."¿Qué es la vida?: un frenesí, ¿qué es la vida?: una ilusión...". Por San Randulfo o das Catro Herbas, patrón de Ninsesabe, que se me puxo a pel de pita nese intre. Porque supoño que estades enteirados de que é a primeira versión-adaptada de "La Vida es Sueño" de Calderón de la Barca: un dos clásicos máis clásicos do Teatro Clásico; só que en galego e cunhas licencias teatrais entre as que destaca, nada menos que facer o personaxe principal unha muller (Elena Seijo), en lugar dun home. Xa sei que moitos estades desexando sabe-lo que opinei da obra, pero dígovos que a min, o que me gustaría saber é o que lle parecera ó Sr. Calderón, se vise hoxe a obra con nós. En serio, dígoo sen ironía. Supoño modestamente que, naquela época, iso da igualdade dos sexos que nós vemos tan natural, non o podería entender. ¡Claro que me gustou!; foi un excelente traballo de Sarabela Teatro, malia que moitos teñamos resoando no recordo aquela versión menos "adaptada" do Teatro O Corsario que tanto gustara, hai coido que dúas tempadas. Pero isto é merecente tamén dos aplausos que levou. Teño, sen embargo, cal e area: así que hai momentos brillantes como os monólogos importantes de Sexismunda; a tremenda escena do perdón dos dous mendigos (con música de tambor); ou a recuperación de Sexismunda do efecto do narcótico ó espertar como princesa, imitando unha cámara lenta, un disco a poucas revolucións, estridencias sonoras. Sublime. Francamente sublime. Tamén é salientable o labor do personaxe de Clarín (esmoleiro) e mais Astolfo (curmán): manteñen en toda a obra uns personaxes cribles e convincentes; todo iso sen desmerecer ós demais. Pero se teño que poñer area, diría que o ritmo reséntese por veces; as cadencias e os enlaces non seguen sempre unha mesma liña de tempo. E, doutra banda, algunhas escenas parécenme (a min parécenme) esaxeradas, ampulosas, ou o que se vén en chamar "dramáticas" en exceso. E, por riba, hai momentos cun certo aire de entoación clásica (case que de teatro grego), de dramatismo de lata de conservas, lonxe desa naturalidade que dá frescura ós personaxes e que non está en desacordo con ningunha interpretación. Excelente vestiario; excelente iluminación; decorado imaxinativo e orixinal. Moi ben por Sarabela Teatro; digo eu que por algo levaron o premio do respectable.