Hai pouco tempo recibín a visita duns amigos cataláns, de Tossa de Mar, na Costa Brava, que tan ben nos describíu Josep Pla e que en tantas cousas se semella á nosa Costa da Morte. Despois de dous días na súa compañía, tiven que facer unha viaxe a Madrid, e deixeinos en Carballo, dende onde se dispoñían a visitar todo Bergantiños e a Costa da Morte. Despois dunhas brevísimas suxerencias, despedinme deles regalándolles un Mapa e Itinerarios da Costa da Morte , que publicou Xan Fernández (ano 2000), así como o libro Descubre a comarca de Bergantiños (2001) do mesmo autor. Dende aquel lugar marabilloso, onde Ava Gardner e James Mason rodaron unha inolvidable Pandora e o Holandés errante, enviáronme unha postal onde comentan o fascinados que quedaron da visita por Bergantiños e á Costa da Morte e que lle resultaran de moitísima utilidade as publicacións. As obras de Xan Fernández teñen un carácter didáctico e divulgativo que as fai moi atractivas, como por exemplo o último caderniño de Andando por Bergantiños. A parroquia de Malpica de Bergantiños, realizado conxuntamente co tamén profesor Antón García Losada, e patrocinado polo Concello de Malpica. Precisamente hoxe Xan Fernández, carballés de adopción e muxián de nación, recibirá o premio que outorga o Instituto de Estudios Bergantiñáns, polo libro arriba indicado: Descubre a comarca de Bergantiños. Premio que merece non só pola calidade da obra, moi boa, senón tamén pola súa laboura continuada e desinteresada en pro destas terras pondalianas, que é o mesmo que dicir por toda Galicia, pois Bergantiños resume mellor ca ninguén o noso país. As miñas felicitacións para o amigo Xan Fernández e bo proveito na cea desta noite.