UN MUSEO DO FUTBOLÍN

La Voz

CARBALLO

27 may 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Na miña infancia montevideana houbo un tempo en que xunto cos meus amigos Claudio, Gildo e Horacio xogabamos horas e horas ó futbolín. Alí chámanlle futbolito e os xogadores levan as cores dos equipos máis importantes: Peñarol e Nacional. Como os catro eramos de Peñarol sempre había que facer un sorteo para determina-lo campo. Lonxe estaba de saber que o pasatempo fora inventado en 1937 por Alejandro Campos Ramírez. Agora e pasados moitos anos penso nas caras que poñerían os meus amigos se eu lles dixese aló polo ano 1965 que aquel futbolín que tiñamos diante saíra da xenial inspiración creativa dun galego nacido en maio de 1919 e que polo mundo adiante era coñecido como Alejandro Finisterre. Sobre a actividade editorial de don Alejandro recibín documentada información por voz de Xosé Filgueira Valverde. O erudito sabio pontevedrés admiraba o labor do emigrante fisterrán e coñecía tódalas obras escritas ou editadas en México e os pormenores da fraternal amistade con León Felipe. Ciencia e literatura A súa vida é unha magnífica mostra da boa aleación entre o saber técnico-científico e o literario. O seu entusiasmo integrou en perfecta harmonía as habilidades para a construcción de enxeños mecánicos cunha longa e froitífera labor intelectual. En 1936 inviste uns aforriños en edita-la revista Paso a la Juventud , órgano de expresión literaria da asociación Idealistas Prácticos. En 1937 está en Madrid. Son os difíciles tempos da Guerra Civil e resulta ferido pola explosión dunha bomba. Foi trasladado ó hospital do pobo catalán de Montserrat. Alí crea o futbolín para que feridos e mutilados poidan ter un entretenemento que lles axude na convalecencia. Aquel primeiro futbolín artesanal era de madeira de buxo e con pelota de corcho. O posterior exilio levouno a Francia, México, Guatemala e Ecuador. En América montou dúas fábricas de futbolíns e outros xoguetes. Cando todo lle ía moi ben en Guatemala con exportación de futbolíns ós países lindeiros e a Estados Unidos, un golpe de Estado obrígao a deixa-lo país logo de estar detido. Viaxa a México perdendo tódalas súas propiedades en Guatemala. En México escribe poesía e realiza un impresionante labor como editor e activo participante dos círculos literarios. Foi gran amigo do poeta León Felipe, a quen xa coñecera en Madrid. Na actualidade é o presidente da Fundación León Felipe e albacea testamentario do gran poeta falecido. El está moi contento e agradecido pola rúa que leva o seu nome en Fisterra, pero penso que non abonda e que debemos facer algo máis. Quero propoñer e pedirlle ós membros da corporación municipal fisterrá que acorden por unanimidade a construcción dun Museo do Futbolín. Se fai ben, axudará ó crecemento do turismo en Fisterra porque enriquecerá a actual escasa oferta de lugares de interese dentro do casco urbano. Os milleiros de peregrinos recordarán e informarán que foi onde naceu o inventor. Hoxe é un universal xoguete que se fabrica en tódolos continentes, pero que leva gravada no seu cerne unha marca única que todos podemos ler aínda que a tinta sexa invisible: Feito en Fisterra .