RADIOGRAFÍAS | O |
24 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.UNHA DAS perrenchas máis recorrentes de calquera tiranía é o odio cara a cultura, quizais porque esta é a miúdo sinónimo de liberdade. Recordo sempre a anécdota do que fora fundador da Lexión, Millán Astray. Contan que en pleno éxtase místico-guerreiro botou man á pistoleira cando estaba na conferencia dun reputado intelectual do momento. A lenda negra asegura que o vello oficial, veterano eivado de varias guerras, botou un bramido e dixo: «Cada vez que oigo la palabra cultura me pongo en guardia». A providencial intervención dos presentes, intentando acougar os ánimos do exacerbado xeneral, fixo que o escritor no acabara coma un chamizo. Suso de Toro, no seu ensaio Parado na tormenta , explica a razón de que os libros sexan odiados por determinados suxeitos. A razón é que unha obra pode facer cambiar non só parte do pensamento dun individuo, tamén de toda a sociedade. O escritor compostelán pon o exemplo de varios clásicos que cambiaron o decorrer da humanidade: A Biblia, O Corán, O manifesto comunista, A evolución das especies de Darwin ou A interpretación dos soños de Freud . Coincidencias Antonte foi o Día do Libro, conmemorábase o pasamento de dous cumios da literatura universal: William Shakespeare e Miguel de Cervantes, que faleceron curiosamente o mesmo día. Os cataláns celebran a xornada cunha tradicional compra de libros e rosas. En Carballo houbo unha librería que agasallou aos clientes cun molete de pan. A iniciativa é tan fermosa como elocuente: a conxunción do alimento corporal co da alma. Conforme ensinamos aos nenos que a comida non se tira, podemos aproveitar para ensinarlles que os libros non son para faceren puntería.