Entrevista | Yolanda Castaño A escritora prepara un encontro de escritores que se desenvolverá do 10 ó 12 de outubro en Corcubión e no que participarán destacados intelectuais galegos
23 sep 2003 . Actualizado a las 07:00 h.?olanda Castaño declárase admiradora entusiasta da Morte, aínda que, por si só, este dato non influiu definitivamente para que Corcubión acolla o Congreso de Cultura Popular e Mariñeira, que se desenvolverá entre os días 10 e 12 de outubro e no que participarán destacados profesores, antropólogos, escritores e artistas. A entidade que organiza é a Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que Castaño é a súa secretaria xeral. -Despoios da crise do Prestige , como a única arma do escritor é a palabra, pensamos que sería o máis axeitado, e de xustiza, centrar os nosos esforzos e atencións nesta zona da Costa da Morte. Queremos que a xente vexa que traemos toda a nosa atención cuns debates entre especialistas, que valorarán todo o patrimonio cultural desa zona, vinculado á cultura popular e marineira. -¿Cre que aportarán algo sobre un tema do que xa se ten escrito tanto? -Sempre se pode avanzar nas investigacións e reflexións, escoitar novos puntos de vista... -¿Como se reflictirá iso na práctica? -Estamos pensando en publicar as actas do congreso, e tamén se poderán consultar os relatorios na nosa páxina web, que aínda está en construcción pero esperamos que xa estea operativa para as datas dos encontros. -Virán primeiras figuras da intelectualidade galega. ¿Foi difícil conseguilo? -Non. Esa foi a principal sorpresa durante a preparación do congreso, a excelente acollida entre a xente á que se convocou, estaban encantados. Mesmo algún tiña incerteza coas datas e facían presión para que lles coincidise ben, querían ir a Corcubión e amosaban o interese. -¿Que referencias persoais ten vostede sobre a Costa da Morte en xeral? -Para min, a Costa da Morte é relaxante, agradable, magnífica, sempre aproveito calquera escusa para ir alí a recitar ou, sinxelamente, facer unha escapada e ver a uns amigos. Alucino coa paisaxe, coa xente, coa cultura, con ese carácter tan especial, coas festas... Sen esquencer a enorme canteira literaria que brotou nesa comarca e cristalizou, hai unos anos, por medio do Batallón Literario da Costa da Morte. -¿Hai algúns lugares que a vostede lle gusten máis ou lle chamen máis a atención? -Hai moitos en toda a bisbarra, a lista é longa. Pasear polas rúas de Camariñas, contemplar os arredores do faro de Fisterra, andar polo paseo marítimo de Corcubión, tomar unhas tapas en Malpica. Podería dicir uns cantos máis.