O galego como chave

RAMÓN M. VILAR LANDEIRA

CARBALLO

RADIOGRAFÍAS | O |

12 ene 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

UNHA DAS frases que se escoitaba con forza nos primeiros anos de implantación da nosa lingua no ensino era: «Non sei para que lle meten o ghallegho aos rapaces. Total non sirve máis que para falar entre nós». A afirmación era tan contundente como inexacta. Todos esquencemos a miúdo os fortes vínculos que ten o galego co portugués. O escritor e columnista deste xornal Xavier Alcalá escribía hai pouco sobre como obviamos que a nosa lingua pode ser chave para abrírmonos a unha cultura que é lingua oficial en varios estados e que é empregada por cerca de 180 millóns de falantes. Unha postura similar téñena defendido xentes como o finado Carlos Casares, Suso de Toro ou unha chea de persoeiros conscientes do enorme potencial que garda a nosa lingua. A guerra fratricida que durante máis de dúas décadas enfrontou a moita xente por mor de cal debería ser a normativa oficial do galego, fíxolle un dano considerable a un idioma que precisaba de todo menos a desunión dos seus defensores. Ultimamente a Real Academia Galega deu un paso importante ao propoñer modificacións puntuais na escrita, que tiñan como fin un maior consenso entre sectores enfrontados. Aínda partindo de que a historia fixo que o galego e o portugués non se poida considerar unha mesma lingua (algo que moitos defendemos), tamén é de parvos desaproveitar moitos trazos que nos unen. ¿Imaxinan a potencialidade dun mozo de Dumbría ou da Laracha que logo de concluír os seus estudios medios domina aceptablemente o galego, o castelán, o portugués e o inglés?. Cun pouco de interese veremos que lonxe dun atranco temos un incalculable tesouro que desperdiciamos.