RADIOGRAFÍAS | O |
02 feb 2004 . Actualizado a las 06:00 h.A DIFERENCIA de calores corporais entre Eladina e Hipólito era tan evidente que a ninguén lle estrañou fose a causa da primeira ruptura matrimonial que se acordaba na aldea. Un día Eladina, cansa, plantouse e díxolle: «Hipólito, esto así non é, a min chéghame cunha manta e a ti fanche falla sete». E así foi, logo despois de moito discutir, e a pesar da intervención dalgún veciño que propuña solucións de tipo salomónico: «¿E por que non durmides con catro e así non gana nin un nin o outro?». Despois de moito teimar cada un na súa postura chegou o día que decidiron pacificamente separarse e facer reparto de ganancias: dúas vacas para cada un, a gadaña para el, para ela a moa de afiar, e así con moito xuízo repartiron equitativamente todos os bens de quince anos de matrimonio. A casa pechouse e cada un buscou acubillo. Pero a vida, que é revirada e burlona, quixo que os Milagres de Caión os volvera a xuntar á volta da misa. Coma dous vellos compañeiros quedaron con parolas doutro tempo que compartiran. E así, entre lerias e recordos, caeron as horas e só aquela tarde de setembro foi testemuña dunha reconciliación que soubo a risos francos e a corpos que se van perdendo entre o millo.