Dumbría, balcón da Costa da Morte

| MODESTO GARCÍA QUINTÁNS |

CARBALLO

A ATALAIA

25 may 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

O ALTO da Cruz, no monte de Berdeogas, xunto coa Pedra Furada, no monte de Olveira, son os dous puntos máis altos do municipio de Dumbría. O primeiro, de 532 metros sobre o nivel do mar, está situado na paraxe Monte de Cabral, que abarca unha grande extensión de terreo pertencente ás parroquias de Olveira, Dumbría, Berdeogas e Baíñas. Neste terreo existen vestixios de civilizacións antigas como O Castro de Sarteguas ou A Eira dos Mouros, así como caprichos naturais como O Petón da Rosca, A Pedra de Abalar, O Petón da Vela, A Pedra da Lebre, O Petón do Lobo... O nome cabral debe proceder do antigo lugar-caserío que estaba situado ao saínte deste monte dentro do termo de Vimianzo. Pascual Madoz, no ano 1835, reseñouno como «un lugar en la provincia de La Coruña, Ayuntamiento de Vimianzo y feligresía de San Antolín de Baíñas». O mapa do cartógrafo galego Domingo Fontán, publicado en 1854, sitúa neste monte unha cruz coñecida como Cruz de Cabral, que debía estar situada nun penedo próximo ao coñecido agora como O Petón Mosqueira e ao norte da Pedralonga. Na actualidade non existe cruz nin lugar; só un cruceiro de pedra situado a uns 60 metros ao sur da estrada AC-441, no punto 15,500. Se retomamos de novo, o punto Alto da Cruz, onde existe un vértice xeodéxico, podemos consideralo como un admirable miradoiro da Costa da Morte. O seu horizonte abarca dende os Montes de Malpica pasando polos de Corme, Traba de Laxe, Montes do Tosto en Camelle, Faro Vilán, Camariñas, parque eólico de Vimianzo, Montes de Touriñán, Pico do Cabo da Nave, Cabo Fisterra, Montes de Buxantes, O Pindo, rematando na Serra de Barbanza. Cara ao leste, o encoro da Fervenza, o Val de Terra Soneira, Xallas e a capital, Santa Comba. En días despexados, mellor pola tarde, pódense divisar as antenas do Monte Pedroso en Santiago ou o Pico Sacro, a 55 quilómetros, en Boqueixón. Polo exposto podemos dicir que en Dumbría está o «gran balcón da Costa da Morte». Dentro de pouco, este limpo horizonte quedará salpicado polos viraventos dun parque eólico e un radar para o control marítimo. Cousas inevitables nestes tempos de progreso tecnolóxico. Calquera curioso que teña un vehículo todoterreo e queira visitar este miradoiro tén que coller a estrada AC-441 entre Berdoias-Baíñas, (punto 16,6 na parte máis alta do Cotarelo) e coller unha pista de terra ao sur. Tras 1.600 metros, á dereita cara o oeste, subindo, atópase unha pequena explanada, ao pé dun castro. Séguese por un camiño de carro, subindo, 200 metros cara o sur e xa se divisa o sinal a uns 300 metros.