As ameixas de Piriápolis

MANUEL SUÁREZ SUÁREZ

CARBALLO

MEMORIAS RIOPRATENSES | O |

10 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

SE SAÍMOS da capital uruguaia pola beira do mar e con rumbo leste a noventa quilómetros a beleza da paisaxe farános deter porque chegamos a Piriápolis. A máis fermosa vila mariñeira e turística do departamento de Maldonado resiste sen ciúme ningún estar inxustamente escurecida pola fama da internacional Punta del Este. Aquí pódese veranear sen ningún sufoco facendo sendeirismo polos cerros de San Antonio o del Toro. Neste anaco de costa riopratense o pioneiro Francisco Piria fixo realidade no Uruguai de comezos do século XX a súa particular utopía de que o mar e o sol son fontes duradeiras de riqueza e de creación de postos de traballo. Eu creo que en Piriápolis os residentes galegos sinten menos morriña e, por tanto, viven máis e con mellor calidade de vida. A verificación pódese facer falando co emigrante pontevedrés Xosé Pérez Fuentes. Logo dunha vida de esforzos cunha empresa familiar de fabricación de baldosas na montevideana rúa Burgues (case esquina con Máximo Gómez) agora vive feliz mirando ó mar. Foi el o que lle ensinou a meu pai a facer viño coas uvas uruguaias das variedades frutilla e harriague do mesmo xeito que se facía na súa casa de Poio porque na nosa aldea de Vimianzo non era zona de vides. Tamén os visitantes sinten que Piriápolis ten algo especial. Así foi que o egrexio Alfonso Rodríguez Castelao en paseo pola costa da man de Xesús Canabal e Manuel Meilán dixo que era moi rianxeiro. Maruxa Villanueva e Eduardo Blanco Amor comentaban que era un oasis de benestar e o pintor Manuel Colmeiro e o fotógrafo Xosé Suárez coincidían en que os outeiros semellaban montes galegos. Cando coñecín Piriápolis, aló polo ano 1963, quedei moi sorprendido vendo xente na praia cun caldeiro e unha paíña. Na zona de area máis preto da auga facían pozos e collían ameixas. Teño aquelas imaxes gravadas. Os meus pais dicían que lles parecía estar pisando a praia de Laxe, que era onde ían os da nosa aldea de Tines (Vimianzo) aos baños e sobre todo a buscar algazo para as leiras ao lugar que chamaban Cabo da Area. Nós tamén collemos ameixas pensando na cea no balneario de Costa Azul onde estabamos invitados polo matrimonio formado por Evarista Trillo e Antonio Pereyra. Os nosos amigos tiñan alí unha casiña de veraneo. Ela era de Laxe e el uruguaio do interior do país. As ameixas quedaron toda a noite a purgar e na cea dona Evarista lembrou que de mociña ía traballar a Camariñas camiñando pola beira do mar sempre con moito coidadiño porque despois de Soesto o sendeiro era perigoso. Aínda que físicamente non puiden estar no Hotel Argentino de Piriápolis o 21 de agosto para a presentación da película arxentina Matanza no Festival de Cine del Mercosur o meu corazón estivo alí xunto a Emiliano Penelas. A miña ausencia foi suprida por Maximiliano Meilán.