Sen don

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

BERRO SECO | O |

02 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

AGORA VAN e saen co argumento falaz de que o condón non é remedio contra a sida, que a única solución é a abstinencia. Claro, e a aspirina non é eficaz nun cen por cen, nin a democracia é perfecta; pero a pesares diso seguimos tomándoa cando nos doe a cabeza (aínda sabendo que non é seguro que nos vai pasar a dor) e a participación de toda a cidadanía na toma de decisións é o menos malo que nos podía pasar. E o peor é que as xentes de todo o mundo séguense a contaxiar por falta de información e a fame no terceiro mundo crece en proporción directa á taxa de natalidade. Fálannos de moral sen decatarse de que hai moitas morais posibles e que a de eles non é a única e moito me temo que o paso seguinte (de cangrexo) será sermonear de quitarnos as ostras, o bailar tangos, os vídeos de Elvis Presley, a última fila do cine, as novelas de Bukowsky, as películas de Almodóvar, o faro de cabo Vilán (erecto cal freudiano símbolo fálico), as pinturas de Rubens, o champaña,... e todo aquilo que nos pode facer caer na tentación e mandarnos ao inferno. E disertarán dende os púlpitos que «bonitos son los senos que poco abultan» e farán campaña baixo o lema «Córtatela, córtasela»... a libido, enténdase.