ARA SOLIS | O |
14 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.BADIUS CUMPRE 20 anos. Aqueles rapaces que empezaron representando os contos de Enrique Labarta Pose e que eran quen de encher o vello cine Pumares de Baio coma se fose o María Guerrero e de provocar bágoas de risa nas butacas xa son agora mulleres e homes con fillos que afeitan bigote. Moitos deixaron a escena hai tempo, pero algúns aínda andan cos decorados ao lombo coa ilusión do principiante. Nin sequera se lle foron as luces o día que lle limparon todo o material de iluminación e son. Roubar a un comediante non debería ter persón. Aqueles mozos querían emular a Jesús Puente, José Sacristán ou a Rafaela Aparicio. As representacións de Badius eran un gran acontecemento na parte central da Costa da Morte. Unha das estrelas ten sido o que hoxendía é concelleiro do BNG no Concello de Zas, Manuel Muíño. Gloria Regaldie estaba convertida na Amparo Rivelles de Soneira. Non lle faltaban mañas tamén a Miguel Santos, humorista enriba das táboas e agora barbeiro de sona no seu pobo natal. Alí todo o mundo podía ter un papel e a oportunidade de soñar coa gloria e coa fama, pero a fortuna é moi caprichosa e o caso é que, ás veces, con divertirse e facer amigos xa un vai ben pagado, que xa é difícil.