ARA SOLIS | O |
19 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.NIN CARBALLO é Estocolmo, nin Galicia é Suecia, e as diferenzas entre moinante e emigrante son moi significativas a nivel sociolóxico; pero non debemos deixar escapar a oportunidade de aprender da experiencia de integración e convivencia cultural que nos amosaba Ricardo García Mira neste xornal o domingo escribindo sobre o Proxecto Rinkeby, porque a situación é semellante dende a perspectiva de que debemos deixar os prexuízos a unha beira e afrontar o problema da marxinalidade. Etnocentricamente ningunha das partes afectadas (nin ideolóxica nin pragmaticamente) quere dar o primeiro paso. Pero se todos os niveis da cidadanía nos implicasemos, dende o respecto e a reivindicación da diferenza dentro dun multiculturalismo tolerante, estaríamos poñendo os cimentos necesarios para construír unha nova sociedade mais plural, pero ¿quen move primeiro ficha?, ¿quen lle pon o axóuxere ao gato?... penso que hai medo de que determinados xestos leven aparellados a perda de votos electorais. Se nos esforzamos, polas dúas partes, en coñecer e comprender aos demais sen caer nin en etnocentrismos nin en relativismo esaxerados, aprenderemos a saber un pouco mais de nós mesmos, que boa falla nos fai.