Existir

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

21 may 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

DICÍA O MEU profesor de Socioloxía da Comunicación, medio en broma medio en serio, que o que non saía pola televisión non existía. E o visto estes días atrás no Pazo da Cultura de Carballo co motivo do casting para a película Chapapote dálle parte de razón porque xentes de todas as idades se afanaron en amosar o mellor dos seus sorrisos ante as cámaras -pouco mais puideron facer en tan pouco tempo- co fin de gañarse uns minutos, quizais so segundos, na inmortalidade do celuloide. É algunha razón ten que ter o tanto afán televisivo. Se non saes no televisor non es ninguén: uns van á caixa catódica a contar as súas penas mais íntimas e persoais -sen decatarse que é unha contradicción-, algunhas parellas amosan intentos de conciliación diante dos espectadores, sei de peticións de matrimonio en vivo e en directo e ata me contaron dun programa no que -a falta de pentotal- hai unha especie de máquina da verdade no que os desconfiados e desconfiadas someten aos seus seres queridos a un interrogatorio para saber das súas infidelidades, posibles paternidades fóra do matrimonio e non sei cantas cousas mais. Ata hai xentes que se pelexan por saír de figurantes, aínda que sexa de costas aos televidentes. «Mareas Vivas» Ao pouco de asentarme nestas terras soneirás coñecín a unha señora de Laxe que presumía de ter actuado na famosa serie Mareas Vivas ; non había vez que non conversasemos que non sacase o tema e xa que tantas veces insistía na súa faceta de actriz un día atrevinme a preguntarlle sobre que papel fixera contestándome ela toda fachendosa : «Atravesei a Praza de Ramón Juega ataviada cun mantelo e levando dous caldeiros cheos de auga». Por algo se principia, digo eu.