Soño en Velar

M. CARMEN ESPASANDÍN

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

12 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

HOXE PODÍA dicir que non lle faltaba nada. Case nada. Por riba de todo valoraba a súa liberdade e a súa perfecta integración naquel país. Era un fillo máis do cantón francés. Neste agosto petáralle vir dar unha volta ao seu pobo galego. Ao chegar quedou abraiado, ¿que ocorría? Moreas de coches, tendas de acampada, rapaces, mozos e maiores polas rúas, xente cantando... Autómata, seguiu a riada de persoas. Ía só. Sentíase incrédulo, alleo, forte e superior. Entrou en Velar. Co calor do camiñar e cos alalás que se escoitaban, fóiselle derretendo a pelica de aceiro que levaba posta. Era entre lusco e fusco. Había centos de persoas. Alucinado, sentou a carón dunha das árbores. Non sabería dicir o tempo que alí estivo. Ficou coma un carballo máis. Cantaban os portugueses cando alguén o agarrou obrigándoo a erguer e saltar ao son daquela música. ¿Era a estrana luz, o leve abano das follas, o aire aquel...? ¿Que era o que acabara de disolverlle a máscara? Cantou e bailou cos curmáns irlandeses, cos da terra... Unhas bágoas inoportunas limpáronlle os ollos para descubrirlle que, quen o agarrara da man, fora aquela rapariga á que tantas veces lle tirara das trenzas ¡sendo rapaz! ¡Festa da Carballeira! ¡Non lle discutas que non foi un soño!