ARA SOLIS | O |
27 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.HAI QUE ver o polo que se montou co da gripe aviar. Seica uns cisnes morreron vítimas do fatídico H5N1 en Croacia oriental e Europa enteira ponse a tremer, sin comparanza con cando na guerra dos Balcáns mataban xente a eito. Daquela viamos pola televisión a traxedia tan tranquilos e sentados no salón dos nosos fogares quentiños e coa bandoliña ben servida sen incomodarnos o máis mínimo. Seica en Tailandia houbo uns cantos traballadores en granxas de aves que foron contaxiados pola gripe aviar e case temos que declarar o estado de excepción porque medio mundo xa se está temendo unha pandemia con milleiros de mortes sen remisión. Non digo que o da gripe aviar non sexa preocupante e mesmo que os gobernos dos estados non deban tomar medidas para evitar consecuencias para a poboación, pero de aí á psicose colectiva debe haber un treito moi grande. Porque ninguén mostrou tamaña preocupación pola mortandade infantil e adulta que está a ocasionar a sida en todo o mundo, nin polas consecuencias da fame que afecta ao continente africano. É máis, nin sequera temos tanta preocupación polos índices de colesterol, nin polos niveis de azucre no sangue, que, quen máis quen menos, tería que ir mirar. Ou, se me apuran, hai quen nin sequera pon o cinturón ao sentarse ao volante cando é unha das causas principais de mortalidade en caso de accidente. Teño que dicir que sí estou empezando a preocuparme polas galiñas que poboan a maior parte dos galiñeiros das nosas aldeas. As pobres, sen culpa ningunha, van acabar sufrindo as consecuencias desta psicose colectiva que se formou co da gripe aviar. Eu, de momento, e por se acaso, xa lle encarguei a miña sogra un polo de corral asado para o domingo. Non vaia ser que non o poda volver a tomar en moito tempo. Daquela si que sería unha desgraza.