Problemas

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTOU EXPECTANTE por saber que labirintos conceptuais se inventan os teólogos da curia vaticana co fin de explicar a desaparición do concepto de limbo -ese lugar que inventou Dante Alighieri na Divina Comedia e que se converteu en parte esencial do imaxinario católico ao longo destes últimos oito séculos- da realidade fenomenolóxica cristiá. Están preocupados. Poderían xuntarse e debater sobre temas máis mundanos e terrenais como os abusos sexuais a menores, o sexismo autoritario, as guerras, a fame no mundo, a homosexualidade, os malos tratos ás mulleres, a pena de morte, o condón como medio eficaz de protección contra a Sida e todos eses problemas que nos atinxen ao resto dos mortais. Pero non, eles debaten sobre o verdadeiramente importante; porque non saben a onde mandar aos infantes non bautizados (que culpa teñen, pobriños) e aos que viviron e morreron antes da implantación do sacramento que introduce ao creente no seno da Santa Madre Igrexa. E vanse xuntar na cidade eterna para discutir bizantinamente e buscarlles o mellor sitio. E o problema é dobre porque hai un dobre limbo. As outras cuestións que as amañen os políticos, que despois eles xa lles darán a bendición. ¿Ou non? A verdade é que a cuestión o merece porque a orde do cosmos pode resentirse e so Deus sabe que consecuencias catastróficas podería producir na humanidade. Non se pode facer desaparecer un sitio así como así, hai que argumentar e dar boas razóns. Que das racións xa darán conta despois. Eu, pola miña conta, voume poñer en contacto co meu amigo e físico o profesor baiés Jorge Mira -un especialista na temperatura do ceo e tamén na do inferno- para que me explique como vai incidir a desaparición do limbo, ou limbos, na primeira lei da termodinámica e no concepto de entropía universal. A min, sinceramente, non me cadran as contas.