ARA SOLIS | O |
25 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.CÚMPRESE neste ano o cento cincuenta aniversario do nacemento de Freud e están os xornais e librarías ateigados de artigos e bibliografía sobre a vida e obra deste vienés catalogado, xunto a Marx e Nietzsche, como filósofo da sospeita. Poucas veces a obra dun pensador deu tanto xogo en círculos tan diversos, dende a igrexa ao feminismo, pasando pola pintura ou o cine. Tan amado coma odiado non hai que negarlle a Sigmund Freud a importancia que soubo ver no subconsciente para a configuración da personalidade; aínda que o seu método psicanalítico, tanto na vertente «científica» coma na especulativa, teña moitas lagoas non contrastables empíricamente. Falou sen tabús do histerismo e da represión da enerxía sexual, traballou coas técnicas da hipnose, propuxo interpretacións dos chistes e ata nos explicou (agora no antroido é un bo momento de repasar as súas teses) porque aos homes nos gusta tanto disfrazarnos de mulleres. Século e medio despois do seu nacemento segue sendo o terapeuta de cabeceira de Woody Allen como o foi de Hitchcock en Marnie la ladrona ou nos cadros de Dalí. Pero se por algo é coñecido a nivel de rúa é polas súas teorías da interpretación do onírico, manifesto ou latente, en relación aos aspectos sexuais máis descoñecidos da personalidade. O malo é cando na aula, despois de explicar o que significa Freud na consideración do home da contemporaneidade, alguén che pide que interpretes os seus soños: os dun alumno que se ve xogando aos globos coa veciñiña ou os dunha alumna á que Morfeo convida todos os fins de semana coa imaxe maxestosa do faro de Cabo Vilán. Cando acontece isto non me queda máis remedio que lembrarlles que a clase de filosofía non é a consulta dun psicanalista e invitalos a que lean A interpretación dos soños . A ver se sorrín tanto coma min.