Sarabela ponlle rostro a «O heroe» de Manuel Rivas

C. Abelleira CARBALLO

CARBALLO

CASAL

O mirador | Teatro A compañía galega, que vén de celebrar o seu 25 cumpreanos, actúa esta noite no auditorio carballés dentro da programación dos Venres Culturais

09 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Do frutífero encontro entre Manuel Rivas e Sarabela Teatro, que xa se materializara na adaptación de O lapis do carpinteiro , xorde agora O heroe , un espectáculo baseado nun relato do libro As chamadas perdidas que chega esta noite a Carballo. Na súa primeira peza dramática, Rivas debuxa un triángulo amoroso integrado por un lexionario, un intelectual e a súa compañeira, figuras que emprega para falar da represión, o valor das ideas, o amor e o compromiso social. A estrea de O heroe chegou coincidindo co 25 cumpreanos de Sarabela Teatro. A compañía naceu no ano 1980 no ámbito escolar, pero profesionalizouse unha década despois e marcouse obxectivos cada vez máis altos, como a organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario. Na actualidade é unha das habituais dos premios María Casares, e a súa directora, Ángeles Cuña, tamén o é o Centro Dramático Galego. Sarabela é das agrupacións fixas na oferta teatral do Concello de Carballo, e nos últimos anos ten ofrecido todo tipo de representacións, mesmo para nenos, no auditorio. O seu próximo proxecto é Macbeth . Pazo da Cultura. 21.00 horas (entrada: 2,5 euros)