ARA SOLIS | O |
20 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ONTE entereime polo xornal de que en Muxía instalaron o maior parque de cultivo de algas de España e un dos máis grandes de Europa. Comenteillo a un compañeiro que tomaba café no bar e preguntoume se ían facer unha leira na beira do mar ou como vai ser. No mesmo texto xa dicía que o proceso que empregan é similar ao da cría do mexilón. Así que logo queren obter 40 toneladas de alga wakame ao ano. Coma se fose leituga ou acelgas. Aínda ha de estar boa na tortilla con ovos caseiros. Deses que recollen día a día con moito agarimo as nosas nais ou as nosas avoas neses galiñeiros espallados polo noso rural con galiñas poñedoras que enchen ben o papo de millo e que non teñen medo á gripe aviaria porque andan coas defensas ben fortes. Cando no bar falabamos do parque de Muxía, un vello que xogaba unha partida de tute puñía en dúbida o éxito do experimento. E puñíao en solfa porque, segundo comentaba, moitas das innovacións que viñeran á bisbarra fóran á ruína. Falaba de granxas de visón. Ou dos avestruces: ía ser a carne do futuro e ían substituír ás nosas vacas de carne, pero voaron, e iso que non teñen ás dabondo para erguer do chan. O natural desconfiado dalgúns dos presentes á hora de avaliar a posibilidade de éxito do proxecto non daba lugar a moito optimismo. Non entanto, hai que confiar en que Agrogalicia teña moito acerto coa súa inversión e que logre facer célebres e vendidas en todo o mundo as algas de Muxía. Pero o vello do bar seguía na súa teima e lembraba que hai ben anos tamén saíra a nova de que na nosa bisbarra nos farían ricos vendendo estrume para facer licor de toxo. «Aínda vin ben borrachos na vida e aínda eu pillei algunha, pero non sei de ninguén que collese unha con esa bebida», retrucaba mentres que lle pedía ao camareiro que puxese unhas pingas de augardente no café.