ARA SOLIS | O |
24 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.ONTE, nun descanso que deu a chuvia, cantaban os paxaros que estes días andan afanados en facer o niños entre as pólas dos carballos do Allo. Esas ringleiras de árbores semellan que gardan soños, dos doutros tempos e dos que han de vir no futuro. Forman unha vía nobre que leva cara un lugar máxico, sobre todo nas noites de lúa chea. Cando os raios se meten entre a follada e semellan que cobran vida. Naquelas torres de porte tan fidalgo ten habido de todo. Conta o historiador que Gómez de Rioboo defendeu a súa casa e o lugar do Allo de todo dereito e de toda imposición por parte do conde de Altamira e os seus ministros, a quen lles deu de paus na porta da súa casa e prometeu non ver máis á súa muller ata gañar o pleito na Audiencia. Eran outros tempos. Os lugares singulares sempre teñen unha historia digna de ser contada. Pero as liortas e as pendencias non duraron sempre. O Allo non só ten acollido niños de paxaros, tamén de amores, a veces eternos e a veces pasaxeiros. A carballeira e o bosque de castaños agochan secretos de amoríos lonxanos e próximos. Onte tamén había emoción. Na vella tulla do pazo, onde os fidalgos acumulaban as rendas de trigo, houbo palabras agradecidas. As recias paredes do pazo acolleron un acto sinxelo, pero verdadeiro. A ilusión dun grupo que xurdiu do compañeirismo e dos bos propósitos. Xan Mella, o vello gaiteiro de Enrique Labarta Pose, tocaría gustoso para os presentes. E ata houbo bágoas, para un hombre bo e xeneroso que poucas veces ou ningunha pediu para si, pero si para os demais. Pepe Valiña xa ten o seu primeiro disco, que onte se escoitaba nas Torres do Allo, una construcción nobre, pero non máis que todos aqueles que se xuntan para facer ben. A música é un ben. Cantar é unha aportación á humanidade, unha homenaxe a todos canto sufriron e disfrutaron do Allo. Para sempre.