Becas

ANTONIO DÍAZ AMOR

CARBALLO

ARA SOLIS | O |

03 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

REMATOU o ano escolar para o alumnado de segundo curso do Bacharelato (para algúns tamén o derradeiro) e moitos deles andan estes días afanados preparando a proba de acceso á universidade, ese monstro ameazante que lles quitou o sono durante todo o ano e que se está a converter, para a maioría, no rito de paso obrigado da adolescencia á madurez. O curso que vén vivirán fóra da casa, non terán hora de chegada pola noite, terán que cociñar e limpar e asumir a súa liberdade. En poucas palabras: xa serán maiores. E, sobre todo, terán que aprenden a administrar a súa propia economía, os cartiños que seus pais lles darán para o mes ou para a semana e non tirar de tarxeta coma se os cartos caeran pola cheminea. Porque para moitas familias o de ter un fillo estudando na universidade non é moco de pavo e implica un forte desembolso económico e moitas crebacabezas para chegar a fin de mes. «Todo sexa polo ben do neno ou da nena e ben vale o sacrificarse por uns poucos anos para que teñan un futuro mellor e non estean toda a súa vida rompendo o lombo na leira ou na obra, traballando moito, gañando pouco e sabendo pouco máis que as catro regras coma nos aconteceu a nós. Ademais, se estudan ben sempre teñen a posibilidade de que lles dean unha beca; que unha axudiña sempre se agradece». Iso foi o que me dixo fai uns días, no mercado de Vimianzo, a avoa dun alumno que tiven no Instituto de Baio o primeiro ano que traballei nesta costa da vida e á que facía moito tempo que non vía. Saudámonos con ledicia e me contou que o rapaz estaba a piques de rematar a carreira de filosofía inglesa e que este ano estaba de rector nunha universidade de Irlanda. Todo ilo grazas a unha beca orgasmus que lle dera o Ministerio de Educación. ¡Mágoa que cando eu estaba en Compostela non houbera este tipo de axudas!