ARA SOLIS | O |
08 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.HOUBO soldados defendendo a fortaleza e labregos que loitaban contra a inxustiza e a tiranía, moito lume, meigas conxurando os poderes da noite coas súas apócemas e beberaxes, músicos que cos seus instrumentos alegraban a xolda, e non podían faltar os curas, nin as bombas, nin os fogos artificiais. Todo ilo para celebrar o Asalto ao Castelo un ano máis -e con este xa van once- nunha xornada na que Vimianzo se converteu na capital da revolta irmandiña. E non está nada mal mesturar a historia co humor e co teatro, o pasado co presente, a realidade coa reivindicación implicando ao público activamente, dende os máis novos aos que xa deixaron de selo fai tempo. E vaite ti que agora a esas rapazas e rapaces da asociación xuvenil Axvalso, que sacrifican moitas horas traballando en aras de mellorar cada ano a celebración dun asalto cada vez máis participativo e coñecido, lles veñen críticas por algúns lados cualificándoos de festa de borrachos e drogaditos. Son as críticas daqueles que defenden o pensamento único, as súas ideas como exclusivas, naturais e incuestionables; daqueles que cren que a cultura só ten unha dirección, a súa, unha cultura de gaita e vaca, de churrascos e festas para os maiores, daqueles que se ancoran nun intento de institucionalizar as festas santificándoas dentro dos seus intereses sen decatarse do interesante que é o pensamento diverxente e de ofrecer outras alternativas culturais acordes co noso tempo, que é o tempo de todos. A pesares das críticas a priori e a posteriori o asalto saíu ben, moi ben e, postos a criticar, podían ser máis orixinais porque borrachos e drogatas os hai, por desgraza, en todas as festas. Se non queren participar que deixen traballar á xente en paz pola cultura do seu pobo e principien por mirarse ao espello no lugar de pasarse todo ano observando o seu embigo.