ARA SOLIS | O |
27 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.NON SEI se ir á verbena do Carme de Muxía ou quedarme no festival pop, rock e folk de Merexo, o Festival Independiente Costa da Morte. Por unha banda aforraría quilómetros, e, pola outra, non son demasiado amante das verbenas, nas que todo o mundo che está mirando sen parar e che dá un repaso de arriba abaixo mirando que camisa levas e máis que clase de zapatos calzas. Logo, nos días despois da festa, un anda nas linguas do pobo. Menuda liorta armaron en Muxía co conto. ¿Tradición ou festival bravú? ¿Quen rompe as normas? Está claro. Os do festival, que para iso montan unha historia alternativa. E ademais queríano facer nunha praia, apartada da civilización. O caso é que van rachar co que quere o pobo, que é que o Carme -como foi toda a vida, ¿ou non?- sexa unha festa con lustre. Se fan o festival o mesmo día, a xente moza marcha do pobo e os bares non fan ganancia ningunha, que para iso tamén se fan as festas, para que os bares fagan o día. ¿Ou non? ¿Qué trangallada é esa do festival pop, rock, punk, folk e metal? Eses deben ser, cando menos, como os do Asalto ao Castelo, aos que as autoridades e algúns que non o son, pero pensan que si, tacharon de drogaditos, atributo indeterminado que se lle pode aplicar a todo aquel que non sigue a corrente dominante nun pobo ou aldea. Ao fin, que os mozos de Merexo terán que facer o seu festival nunha leira en vez de celebralo nunha praia como querían. Costas mostrouse firme ante os alternativos e non hai permiso. A lei é así de implacable con quen non segue a onda. E toda esta liorta provocou que Muxía viva unha guerra civil festeira. En vez de disfrutar de tanta troula circulan as ameazas e os insultos. ¿Que dirá a Virxe do Carme? ¿Desexaría de verdade verse en tales fregados? Será mellor quedar na casa.