Entrevista | Francisco Javier Borrazás Un grupo de amigos que promoveu fai corenta años unha das ligas de fútbol praia pioneiras da provincia encárgase agora, ademais, de organizar cada setembro as festas de Caión
05 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O desta noite será un pregón colectivo, aínda que Francisco Javier Borrazás leve, ao final, a voz cantante. O presidente da asociación Peña Royal, que é ademais a encargada da organización das festas, tamén é a persoa elixida este ano para pronunciar o discurso inaugural. Pero el, que se recoñece un pouco nervioso «porque o meu non é falar en público», insiste en que o pregón será obra da peña no seu conxunto. - ¿Como empezou a súa adaina a Peña Royal? -Empezou un día pola noite, reunidos uns cantos compañeiros, polo fútbol praia. Empezamos a organizar a liga todos os veráns, e ao deixar as festas o Club do Mar collémolas nós. - ¿E diso fai...? -Bastantes anos, poden ser quince ou vinte. - Pero a vida da asociación é moito máis longa. Este ano celebra o seu corenta aniversario, ¿ten previsto celebralo dalgún xeito especial? -Hai algo especial, pero aínda o estamos preparando. - Á parte das festas e da liga de fútbol sala, ¿a Peña Royal fai outras actividades? -Si, tamén facemos fútbol sala, porque o da praia redúcese só ao verán, e algunha actividade máis. Pero, de feito, fomos dos primeiros en organizar un trofeo de fútbol praia, xunto con Malpica. Eu creo que somos os pioneiros. - ¿Como se organiza a asociación para preparar as festas? -A asociación está integrada, practicamente, pola xente da peña, pero os veciños colaboran con nós nas festas, igual que o Concello da Laracha e as empresas que poñen publicidade na revista. - Porque, ademais, a romaría dos Milagres debe ter un significado moi especial para os veciños de Caión. -A romaría representa todo, porque son as festas da parroquia de toda a vida. Vén moitísima xente, e hai movemento toda a semana, pero o día 8 é o máximo. - ¿E pensa que este ano será diferente? -Eu creo que si, porque cae en moi boa data, xa que o día 8 é venres e xa está a fin de semana en riba. Penso que vai haber moita xente. Se non hai cambios de última hora, Francisco Javier Borrazás subirase esta noite ao escenario da praza Vila Fano para ler o pregón das festas, no que falará sobre os aspectos máis relevantes da rica historia de Caión. - ¿Está nervioso? -Os nervios son os de sempre. E sempre hai un pouco de nerviosismo, porque o meu non é falar en público.