O BNG reclama no Parlamento protección para os Penedos de Traba, Pasarela e Braño

La Voz LA VOZ | CARBALLO

CARBALLO

06 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Os deputados do BNG Carlos Aymerich e Pablo González Mariñas presentaron onte no Parlamento de Galicia -como xa avanzaran o día 2 os propios parlamentarios- unha pregunta escrita para coñecer «os motivos que están a retrasar a declaración dos Penedos de Traba, Pasarela e Braño como monumento natural», xa que fai case oito meses que a Cámara galega aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei dos nacionalistas para materializar esa declaración. Para os nacionalistas resulta sorprendente o retraso na tramitación relativa aos Penedos de Vimianzo e Laxe, sobre todo cando noutro caso similar e aprobado tamén por unanimidade, aínda que de xeito posterior -como é a declaración da Carballa da Rocha, na comarca ourensá da Limia- a Dirección Xeral de Conservación da Natureza xa aprobou a resolución pola que se somete a información pública e audiencia dos interesados o decreto correspondente. Presións Os deputados do BNG amósanse convencidos de que a «inacción» da Consellería de Medio Ambiente non obedece «ás presións exercidas polo controvertido alcalde de Vimianzo, partidario de autorizar a apertura de canteiras na zona dos Penedos», e queren saber cales son, por tanto, as verdadeiras causas do incumprimento dun acordo unánime do Parlamento de Galicia. Mentras tanto, e como tamén se especificaba no documento do pasado 15 de marzo, os nacionalistas preguntan que medidas ten adoptado o Goberno galego «para manter a integridade dos Penedos e do seu contorno». O BNG solicita resposta escrita á súa pregunta.