ARA SOLIS | O |
20 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.O PROGRESO ou involución dun pobo están suxeitos, en certa forma, á velocidade. Incluso, a democracia é case unha irmá deste medio de fenómenos. A primeira democracia europea coñecida naceu coas embarcacións trirremes, as máis rápidas do mediterráneo. Da mesma forma, os primeiros comerciantes ricos na antiga Roma eran aqueles que dispoñían de cabalos. Poder e bestas de montar deron unha nova dimensión á palabra «cabaleiro». Todos os fitos históricos teñen que ver, dunha forma ou outra, coa capacidade dun grupo para movérense máis rápido. Se callar por iso hai esa sensación de atraso perpetuo na comunidade, e de certo aire, entre importado e colectado, de malfado na Costa da Morte. Unha definición inxenua do progreso é a que atende ás bondades dos avances tecnolóxicos, e que non repara nos lados escuros, ou se o prefiren, no aspecto «menos comercial». Nesta onda idólatra da ultramodernidade, hai inxentes campañas, sisudos argumentos e insistentes titulares que demandan, nesta orde de importancia: AVE, Portos exteriores, autovías con desvíos a toda canta parroquia hai no mapa, porque senón, estaremos castigados sen futuro. O aspecto que se lles escapa aos profetas da modernidade é que con cada paso adiante, estreitase o camiño, e medran as posibilidades de que os accidentes ocorran. Hai unha frase algo macabra que di algo así: «Os accidentes son milagres do revés». Creo que o di porque só cando acontece algo anormal e prexudicial para a poboación, esta coñece moito máis de si mesma, e do que significan estes avances para a súa supervivencia. Se a posibilidade de colocar en poucos días toneladas de petróleo dende o Báltico ata Omán vai deixar negra a Costa. Se facer cartos e investir agresivamente no ladrillo vai provocar enchentas ou se as autovías van servir para que as empresas emigren a Madrid ¿Cal é a nosa velocidade?