«Predicir o clima non é o mesmo que gobernalo»

La Voz Á. P. | CARBALLO

CARBALLO

EDUARDO

Entrevista | Juan Ramón Vidal Romaní Os alumnos do IES Parga Pondal, de Carballo, celebran hoxe o Día Mundial do Medio Ambiente recibindo unha visita deste experto universitario para falar do cambio climático

04 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? escepticismo sobre as posibilidades de loitar contra o cambio climático é unha das cuestións que o catedrático de Xeodinámica da Facultade de Ciencias de A Coruña e director do Laboratorio Xeolóxico de Laxe e do Instituto Xeolóxico Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romanía, abordará hoxe na biblioteca do instituto carballés (13.00). -¿Cales son ou van ser as repercusións do cambio climático en Galicia? -O certo é que é unha cousa natural na que o home ten moi pouco que ver. O aumento do nivel do mar leva a producirse desde hai 15.000 anos e desde entón xa se están a ver as súas consecuencias nas praias. Aquí mesmo, na ría de Laxe e Ponteceso, as augas que antes eran doces agora son salgadas e iso repercute no ecosistema. Tamén, as construcións máis ou menos legais como unha feita recentemente no Anllóns vanse ver cada vez máis afectadas pola acción do mar. -¿E que se pode facer? -O único xeito de deter o mar e facer o mesmo que os holandeses: construír diques. Hai que comezar a pensar que esa é a solución para aquelas cidades grandes que están xunto ao mar e darse conta tamén que cando a Xunta di que non se vai poder construír a menos de 500 metros do mar está dando resposta a este problema. -¿Pero non hai xeito de cambiar esta tendencia? -O cambio climático non se pode frear porque o CO2 é consubstancial ao noso xeito de vida e as emisións son imposibles de deter. Por exemplo, unha vaca produce máis CO2 que cinco coches e isto é algo que non se pode evitar porque non podemos pasar sen vacas nin sen leite. -Aínda así, hai fontes de enerxías menos contaminantes que o petróleo. -É certo, pero cando falamos da eólica saen os ecoloxistas dicindo que crean impacto visual. Algo semellante ocorre coa nuclear. A xente non é consecuente cando fala de enerxías xa que non quere unhas porque contaminan nin as outras porque son feas. -¿Se estamos ante algo irremediable, a que se debe o alarmismo actual? -Eu creo que estamos ante unha moda. Primeiro empezaron a dicir que os frigoríficos que empregaban gases CFC danaban a capa de ozono e houbo que cambiar os aparatos por outros, e agora din que o buraco da capa evolucionaba como sempre. Agora é a moda do CO2 debido á película de Al Gore. -Pero o protocolo de Kyoto xa dera a voz de alerta. -Pero o problema non é o protocolo de Kioto ou se Estados Unidos firma ou non. O mar sube desde hai 15.000 anos e iso é imparable. -De todos os xeitos, o impacto do home sobre o medio semella innegable. -E así é, pero a cuestión é ¿que se pode facer ante isto? ¿Hai que deixar de moverse en coche, de ter fillos? ¿Temos que prohibirlle a China e India que se desenvolvan? -Esa parece a mensaxe das multinacionais. -Pode, pero, cando un se fixa en que a porcentaxe do prezo da gasolina que se leva o Estado supón tres cuartas partes do custo se plantexa, ¿quen se aproveita máis? Os propios estados que o que tratan é de asustar a poboación e por máis impostos. -Os ecoloxistas alertan tamén sobre o cambio. -Eles queren que se manteña o medio, pero neste caso están sendo manexados. Eu son moi escéptico sobre a posibilidade de gobernar o clima. Podemos predicilo pero iso non é o mesmo que gobernalo.