Festa | Costa da Morte
06 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.As orquestras serán esta fin de semana unha das grandes atraccións na Costa da Morte posto que as verbenas se sucederán nos próximos días en numerosos puntos da comarca. En Malpica, tras a primeira velada musical de mañá, con D'Tacón, os actos organizados con motivo do Corpus continuarán o sábado con Miel, Novo Estilo e Principal, e o domingo con Los Príncipes, que actuarán na sesión vermú, posterior á misa das 13.00 horas e no fin da festa. Ademais, as amas de casa volverán a traballar para que o resto dos veciños poidan gozar do espectáculos das alfombras florais. Pola súa banda, en Buño Acuarela e Alkar tocarán dentro de dous días e Atenas pechará un fin de semana festivo dedicada a San Antonio. O festival roqueiro que abrirá mañá as festas de Paiosaco será relevado de sábado a luns por orquestras como Jocker, Olympus e Panorama. Ademais haberá misas (13.30), campionatos de chave (mañá, 18.00) e futbolín (sábado, 19.00) e unha festa para nenos con inchables e un partido de fútbol entre solteiros e casados (domingo, 17.30). Tamén haberá festas esta fin de semana na parroquia carballesa de Baldaio, que darán comezo mañá con bombas de palenque e a orquestra Cinema. As dianas e alboradas e a música de Fania e Xente Nova completan o programa de actos para o sábado o domingo. En Cee, os veciños honrarán a San Antonio o sábado con Philadelphia e Ciclón e o domingo con misa e procesión (12.30), a actuación da banda municipal, a música do grupo de baile The Natural Hip-Hop, de Ribeira, e unha xuntanza cabalar. Tampouco faltará a música da orquestra na festa para os maiores que se celebrará o sábado en O Acevedo, Cerceda.