Crónica | Asalto ao Castelo A actuación de Berrogüetto e unha escenificación moi libre do ataque á antiga fortaleza dos Altamira converteron á celebración de Vimianzo nunha das máis interesantes citas do verán na Costa da Morte
09 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.?s Irmandiños teñen cada ano máis adeptos. Os fantasmas de Bernal Iañez, Alonso II de Fonseca, ou Rui Soga de Lobera, que debe ser dos que andan coa cabeza debaixo do brazo, non deben estar moi tranquilos ao ver que a antiga fortaleza dos Altamira é cada ano máis feble diante do xentío que clama por poñer fin ao poder dos señores. Vimianzo ten unha festa singular que moi poucos pobos poden facer porque carecen dun monumento e dunha historia axeitada para argumentala. Aínda así, bótase de menos a man das autoridades locais e a súa bendición para que a cita acade a importancia que lle corresponde. A edición deste ano avanzou un chanzo máis na procura dunha praza entre as grandes citas comarcais. A actuación de Berrogüetto levou moita xente ao vello campo do lavadoiro da Torre. Os vigueses puxeron fin de forma apoteótica entre aplausos á súa actuación. Era unha data máxica para o grupo, o 7 do 7 do 2007, para unha formación de 7 músicos, que entre os seus traballos teñen o disco titulado Hepta . A mestura de ritmos e sons centroeuropeos con inspiración galego-popera e contemporánea en doses axeitadas é unha boa receita para un asalto que comezou coa condena á decapitación dun campesiño. A meiga, que chegou co seu séquito entre fachos andando dende o pazo de Trasariz, liberou ao oprimido labrego -vestido con buzo de preso de Guantánamo-, arrancou o machado liberador nun xesto moi artúrico e mandou o ataque. O bispo, Alonso II de Fonseca, como compre, regresou á gaiola á vista de milleiros de irmandiños que tentaban de eludir os globos de auga.