De pesca polos mares do Sur

CARBALLO

Cándido Sánchez é dos últimos da Costa da Morte que embarca seis meses polo Índico ou o Pacífico

06 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Cándido Sánchez Lema, de 38 anos, é un emigrante atípico, pero emigrante ao fin e o cabo, deses que nunca saen nas táboas do Instituto de Estatística ou nas listas da Xunta. Tamén é pescador, pero sería estraño que aparecese nos informes habituais da consellería de Pesca.

Cándido, pese á súa relativa xuventude, forma parte dunha minoría de mariñeiros de gran altura, dos que tempo atrás houbo máis, pero xa non van quedando. Polo menos, na Costa da Morte. Noutras zonas de Galicia, como Ribeira, o censo é algo máis grande.

Non é estraño que non haxa moitos coa el. Ou como o irmán, que anda no mesmo. Non é raro porque a poucos lle agrada ter que coller un avión e voar cara Punta Arenas, en Uruguai, e logo tirar cara as Malvinas e pasar seis meses (dúas mareas) en conxeladores de 60 ou 70 metros de eslora, con 40 ou 45 persoas provintes de todo o mundo. O barco, explica Cándido, é como unha pequena delegación das Nacións Unidas, no que, faltaría máis ( raza por medio) os galegos están moi ben vistos: serios e traballadores.

Este mariñeiro de moita altura, que leva no mar dende os 16 e polos mares do Sur dende 1992, navega polo Índico, polo Pacífico, preto da Antártida. Ten un álbum de fotos que darían para facer un catálogo de natureza ou encher unha revista de viaxes. De fotos e de historias. Xa colaborou con algún reporteiro do National Geographic ou xuntouse con membros do buque oceanográfico español Hespérides . Tarefas que rompen a rutina do pescador tipo, dos que andan ao robalo ou ouro branco , que vai a menos, igual que o peixe espada.

Contado así, parece unha vida épica. Desas que os rapaces imaxinaban lendo os contos de Stevenson ou as derrotas de Cook e mesmo Mourelle. E moi mala non debe ser. Cándido di que lle gusta, que o soldo compensa, que é moito mellor que a que levaría se andase no Gran Sol. Pero tamén di que volvería se atopase aquí algo que lle dese o mesmo de gañar. Está acostumado, pero a familia tira.

Menos mal que os tempos tamén cambian nos camarotes, porque agora teñen hasta Internet, están ben comunicados, e as tormentas respectan aos barcos modernos máis que ás dos pioneiros do XVII. E tampouco hai que poñer aneis nas orellas ao dobrar Hornos. Non é obrigatorio. O romanticismo queda máis para as olladas de solpores na cuberta.

Cándido veu a pasar as festas da Barca. Moito mundo, si, pero as festas da terra tiran máis que as sereas.