Unha comarca de cine

María Rama

CARBALLO

Cada día son máis os directores e produtoras que elixen a Costa da Morte?para gravar esceas ou a totalidade das súas películas e os que veñen, repiten

14 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Non pasaron anos xa dende que Xavier Villaverde, un dos pioneiros do cinema galego actual, rodara un dos seus primeiros traballos cinematográficos: Fisterra, onde termina o mundo . Con este nome, dificilmente o filme podería ter outra localización. Fisterra é a historia de Mario e Berto, dous irmáns con vidas moi diferentes e que ten en Geraldine Chaplin, Nancho Novo e Elena Anaya os seus actores principais.

Logo foron as Mareas vivas . ¿Quen non recorda Portozás, a María e Andrés? ¿E as historias de Petróleo? ¿E os percebes «grandes coma puños» do Currás? Quen non foi un de tantos seguidores que os luns á noite sentaba diante do televisor esperando esta serie sobre unha vila mariñeira da Costa da Morte, que lle permitiu aos veciños de Laxe vivir durante cinco anos na vila máis seguida de toda Galicia. Mareas supuxo un trampolín para moitos dos seus actores. O caso máis claro é o de Luís Tosar, pero tamén de novas promesas. Aí está Martín Rivas, un actor que comezaba en Portozás e que agora protagoniza a serie revelación da temporada na televisión nacional, El Internado , mais segue recordando con cariño a súa experiencia na serie: « Mareas Vivas supúxome descubrir un medio que non coñecía, a dinámica dunha serie de televisión e, sobre todo, grupo de xente cunha valía humana e profesional que me marcou a día de hoxe».

A cousa non quedou aquí. Despois virían outros moitos traballos: documentais, películas e curtas. A mellor do 2007 gravouse en Malpica. Rosa dos Ventos valeulle a Jairo Iglesias o Mestre Mateo, algo así como o Oscar galego. «Fomos a Malpica por primeira vez e gustounos tanto que non buscamos máis. O Concello deunos todas as facilidades e rodar en Malpica foi todo un luxo», manifestou o realizador.? No 2007 a Costa da Morte foi, máis que nunca, un plató de cine. TV3, a Televisión Autonómica de Cataluña, estivo gravando un documental sobre o traballo das redeiras. E tamén houbo ficción. A mariñeira é unha adaptación da novela do mesmo nome de Darío Xohan Cabana, un telefilme que durante varios días paralizou as vilas de Corcubión e Muxía. Moitos dos veciños sorprendíanse ao ver pola vila a un crego que non era o de alí, e aínda o facían máis cando se decataban de que se trataba do popular actor galego Antonio Durán, Morris . «As localizacións de Cee, O Pindo e Quilmas eran espectaculares e reflectían perfectamente o momento que o filme recolle», recorda Morris.

De escenario a protagonista

A Costa da Morte non é só escenario, senón que moitas veces se converte en protagonista. Este último ano viron a luz dous documentais da man de profesionais da zona, Area nos ollos e A Ceo Aberto , que recollen as revoltas ocorridas en Baldaio e As Encrobas hai trinta anos. Tamén outro que denuncia o feísmo, un mal tan estendido e que está acabando coa riqueza paisaxística da Costa da Morte, A casa de Lola de Andrés de Olaia Sendón.

Tamén personaxes emblemáticos como o alemán de Camelle son a orixe destes traballos. Bernardo Cequera, un documentalista xermano de orixe venezolana presentaba hai unhas semanas a vida de Man, un home atípico que atopou nesta vila o seu lugar e que nunca volveu ao seu país natal. «Encuentro muchas similitudes entre Camelle y el pueblo natal de Man. Si uno no distinguiera entre alemán y gallego, nos parecería que se trata de la misma gente en el mismo pueblo», di Cequera.

Non só a xente de aquí opta pola comarca, cada vez son máis os directores doutras zonas de España que se achegan para rodar os seus proxectos. Manuel Gutiérrez Aragón fíxoo con La vida que te espera , unha película da que se gravaron varias secuencias en Carballo e Cerceda. Esta semana chegou o realizador sevillano José Luis de Damas Medina co seu último traballo Versus. La vía de la plata , unha viaxe polo interior do protagonista, ao mesmo tempo que fai o Camiño de Santiago, chegando ata a fin do mundo.

A maioría dos realizadores que chegan para gravar os seus filmes quedan contentos coa experiencia e é normal que repitan. É o caso de Xavier Bermúdez que recentemente estivo en Carballo gravando por segunda vez. «Eu teño un cariño especial porque hai dez anos xa gravei nos Baños Vellos. Repito porque sempre somos moi ben acollidos», explica.

Hai só uns días tamén estiveron en Malpica os membros do equipo de rodaxe de Un lugar lejano , dirixida polo uruguaio José Ramón Novoa e seguro que as cámaras pronto volverán á Costa da Morte e, en nada, se oirá de novo iso de «tres, dous, un... ¡acción!»