O ciclo Cinemas Dixitais, o circuíto alternativo de exhibición das producións audiovisuais galegas organizado pola Consellería de Cultura, volve mañá a Cee en comeza en Zas. No salón de actos do Concello ceense poderá verse (20.45 horas) a película Condenado a vivir , baseada na historia real de Ramón Sampedro, que neste caso é interpretado polo televisivo Ernesto Chao, quen, sen dúbida interpreta a unha personaxe totalmente oposta ao seu aparvado Miro de Pratos Combinados . O telefilme adiantouse e tamén serviu de inspiración para a famosísima Mar Adentro de Alejandro Amenábar.
No caso de Zas, proxectarase (21.00 horas, no Auditorio) A Atlántida , na que poderá verse ao actor de orixe muxián Nancho Novo, quen ademais de protagonizar a cinta tamén interpreta, co seu grupo, Os castigados sen postre, a banda sonora desta historia.
O circuíto Cinemas Dixitais estará o sábado en A Laracha (19.00 horas, na Casa da Cultura). Neste caso poderá verse a película Autopsia , unha historia de intriga e suspense que conta coa popular actriz de cine e televisión Isabel Blanco, alén doutros coñecidos coma Antonio Mourelos ( Rias Baixas , As Leis de Celavella , Terra de Miranda ...) ou Luis Zahera ( Mareas Vivas , O lapis do carpinteiro )
En Corme tamén seguen co ciclo de cine de humor organizado pola asociación Eduardo Pondal. Será mañá, a partir das 22.00 horas, na Casa do Mar da localidade. Neste caso a película elixida é Silent Movie , gravada en 1976 por Mel Brooks.