O linguista vimiancés é o encargado de revisar os guións da nova serie da Televisión de Galicia
07 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A nova serie da TVG, Padre Casares , dirixida por Jorge Coira e producida por Voz Audiovisual, está batendo marcas de audiencia. Todos os martes, a partir das dez da noite, reúne a milleiros de galegos dispostos a seguir as aventuras do novo párroco de Louredo. O éxito desta serie ten moito que ver cos seus guións, detrás dos que está, como asesor lingüístico, o vimiancés Xosé María Rey Lema.?-¿Como xurdiu o de asesorar lingüisticamente ao equipo de «Padre Casares»?
-Levo xa moitos anos traballando como asesor, empecei no 2000 e colaborei con outras series como As leis de Celavella ou Mareas Vivas .
-¿Que é o máis complicado do seu traballo?
-Como en cada serie hai distintos guionistas, cada un ten o seu pai e hai de todo, os que o fan moi ben e outros que non tanto. Teño que adaptar os guións á forma de falar de cada personaxe e axudar aos actores cos seus guións. Ás veces, sobre a marcha, xa na rodaxe, hai que cambiar algunhas frases, ben porque ao director non lle gusta como soan ou ben porque aos actores lles custa dicilas. Ao final teño que estar alí todo o día.
-¿Cales son os fallos máis habituais?
-É complicado de dicir, porque hai de todo, pero, por exemplo, hai moitos fallos coa colocación dos pronomes. Cada guionista ten as súas teimas.
-¿Chéganlle os guións con suficiente tempo como para corrixilos ben?
-No caso do Padre Casares , de momento si, porque están esperando, pero supoño que despois, como xa me pasou noutros casos, chegarán as présas e xa non terei tanto tempo.
-¿Inflúe moito os cambios na normativa?
-Non, porque normalmente son mínimos e o principal apenas se modifica. Ademais, nós buscamos o galego cotián, o que realmente está en contacto coa xente que o fala.
-En xeral, ¿cal é a saúde do galego na Televisión de Galicia?
-Eu creo que bastante pobre, tanto na dobraxe como nas series, como nos programas en directo e nos telexornais... O nivel dos presentadores é bastante pobre.
-¿A que pode deberse?
-Non o sei, pero penso que, en xeral, hai bastante deixamento por parte dos dirixentes. Sobre todo á hora de escoller aos presentadores, porque non esixen suficiente calidade. No Telexornal, por exemplo, moitas veces parece que se están a inventar termos e o público pensa, con lóxica, que lle están tomando o pelo. Dá a impresión de que traducen directamente do castelán, de que non están suficientemente preparados e por iso din o que din. Os dirixentes deberían facer unha mellor selección dos seus presentadores para que o galego que falan se adapte ao público para que a xente sinta de verdade que esa é a súa lingua.