A festa gastronómica repartirá hoxe unhas 3.000 racións do produto máis famoso da localidade
21 mar 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Hoxe celébrase no pavillón polideportivo de Muxía a edición número 12 da Festa do Congro, unha das citas gastronómicas máis tradicionais da Semana Santa da Costa da Morte. Aqueles que se acheguen ata a vila terán a oportunidade de probar algunha das racións que sairán dos 3.000 quilos de congro que van preparar os organizadores. Haberá pratos para todos os gustos, porque, segundo confesa a concelleira Amparo Baña, «o congro pódese preparar de moitísimas maneiras».
-A estas alturas, a Festa do Congro xa é ben coñecida.
-Penso que si. Creo que xa é coñecida en toda Galicia, aínda que esperamos que cada ano vaia a máis.
-¿Por que o congro?
-Porque en Muxía é tradicional o secado de congro. Temos dous secadoiros que son únicos en toda Europa. Iso foi o que levou ao Concello a promover esta festa. É único ver aos congros colgados nuns paus con furadiños para que vaian secando.
-¿Que atoparán os visitantes que se acheguen hoxe ata Muxía?
-Na festa en si, a que se celebra no polideportivo, atoparán o congro preparado de varias maneiras, porque é un peixe que se presta a case todo, por non dicir a todo. É un peixe que van a poder comer en salsa verde, en salpicón, en dúas variedades de empanada e á prancha. Con pan e viño, por suposto, iso que non falte. Empezaranse a servir as racións á unha da tarde, ata que se acabe a comida. Sen límite.
-¿Canto custa a ración?
-Tres euros, hai que comprar unha cunca onde se serve o viño. Poden degustar dúas variedades cada vez que pasen pola barra e se queren degustar máis terán que dar outra voltiña.
-En total prepararanse 3.000 racións (preto de mil quilos) de peixe. ¿Hai produción suficiente en Muxía?
-Todo o que se vai a cociñar aquí foi adquirido a través dos pesqueiros de Muxía. Parte del é dos nosos barcos e supoño que outra parte lles custaría conseguila, porque é unha cantidade moi grande e xa non hai tanta flota da vila dedicada a pesca do congro.
-A festa gastronómica ten outro alicerce este ano.
-Si, porque este ano tamén haberá, ata este vindeiro domingo, a Mostra de Artesanía, que nesta ocasión a desviamos cara a zona onde se servirá o congro. Estará ubicada na planta baixa do edificio multiusos, que ía destinada ao mercado, pero xa non. Alí poden verse maquetas, encaixes... Ademais, na primeira planta estará aberto todos os días o salón de exposicións con mostras do voluntariado. É unha exposición moi bonita na que poden verse gran cantidade de fotografías que recordan o que pasou co Prestige . Isto poderá verse de doce da mañá a unha da tarde, e de cinco a oito.