O Padroado Fogar entrega este venres os Premios do Ano 2007

La Voz

CARBALLO

28 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Padroado Fogar de Bergantiños, que preside José Luis Calvo Pumpido, entregará este venres, a partir das 20.30 horas, no Concello de Carballo, os Premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano, que este ano, e despois dunhas apretadísimas votacións celebradas o pasado 29 de marzo, recaen no Centro Municipal de Formación Ocupacional (Carballés), Martín Varela Dourado (Bergantiñán) e Ángel Carracedo Álvarez (Galego). Ao acto, ademais do alcalde carballés, Evencio Ferrero, asistirán tamén moitos dos representantes das 24 asociacións que participaron na elección dos gañadores, elixidos entre dezaseis persoas e entidades propostas polo consello asesor do Padroado.

O premio máis disputado foi o que recollerá o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo, natural de Santa Comba e presidente, desde 1999, da Sociedad Internacional de Genética Forense. Na súa categoría competía contra o actor, director e adaptador teatral Quico Cadaval; o triatleta ferrolán Xavier Gómez Noya; a muxiana María Amelia López, coñecida por ser, con máis de 95 anos, unhas das blogueiras máis veteranas do mundo, e a soldado de Friol (Lugo) Idoia Rodríguez Buján, que morreu nun ataque talibán en Afganistán. Despois de catro votacións moi axustadas, o xurado elixiu a Carracedo Álvarez, do que destacaron as súas investigacións no campo da xenética molecular, especialidade na que é pioneiro e que xa lle valeu numerosos recoñecementos en todo o mundo.

A votación menos rifada foi a que elixiu ao tenista cormelán Martín Varela Dourado como Bergantiñán do Ano. Na súa categoría estaban preseleccionados a presidenta do Parlamento de Xenebra (Suíza), Loly Bolay; as asociacións de loita contra o cancro de toda a comarca; a Escola Familiar Agraria Fonteboa, de Coristanco, e a oenegué malpicana Norte-Sur Solidario. Finalmente, as asociacións destacaron o espírito de superación do tenista en cadeira de rodas, que ten acadado numerosos éxitos deportivos a nivel nacional e internacional. Actualmente, Martín Varela está a disputar o campionato de España.

Pola súa banda, o Centro Municipal de Formación Ocupacional verá recompensados os seus 18 anos en funcionamento co premio Carballés do Ano 2007. As entidades valoraron o seu intenso traballo na inserción laboral dos mozos de toda a comarca por enriba dos méritos dos demais candidatos desta edición: Fernando Cabeza Quiles, Juan Carlos Díaz del Valle, Manuel Facal Ponte, Ramón Freixeiro Mato e Rober Bodegas.