Loroño abre a súa discoteca

CARBALLO

Centos de mozos pasarán a noite do 24 ao 25 de xullo na localidade zasense, que este ano está preparada para o aluvión

23 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

En tempos lonxanos, os peregrinos que acadaban o xubileu na catedral de Compostela proseguían o seu camiño cara o finis terrae na procura da Terra da Xuventude, onde o tempo se paralizaba e a felicidade facíase eterna. As peregrinacións a Fisterra e Muxía -documentadas dende o século XII- e unha longa ruta de igrexas dedicadas a Santiago son exemplos permanentes dos vínculos entre a Costa da Morte e o Apóstolo.

Lugares como Cereixo, Carreira, Mens, Berdeogas, Olveiroa, Ameixenda, Vilaño, Sísamo e Loroño renovan cada ano a súa vocación xacobea. Pero non todo é devoción. A festa vívese con grande intensidade en toda a zona, aínda que poucos lugares como a parroquia zasense de Loroño se converten na Terra da Xuventude coa que soñaban os devanceiros, onde a felicidade dura polo menos unha noite.

Centos de mozos fan a transición do 24 ao 25 de xullo nesa aldea de cincuenta veciños. «O ano pasado desbordóusenos», sinala a comisión de festas, ata o punto de que algunhas persoas tiveron que aparcar a dous quilómetros de distancia e outras, despois de intentalo sen éxito, optaron por dar media volta e quedarse sen verbena.

Pero este ano non pasará. «Temos habilitados aparcamentos gratuítos. O Concello de Zas portouse moi ben e axudounos en todo o que é a ordenación do tráfico, con direccións únicas, e tamén coa limpeza das pistas», explican os organizadores. De feito, o grupo de mozos que se encarga das festas nos últimos anos empezou a traballar practicamente o 25 de xullo do 2007, despois de comprobar que «o aluvión de xente nova» que se achegara a noite anterior a Loroño merecía un cambio de rumbo na celebración.

Pero nun núcleo de poboación tan pequeno non é doado atopar ingresos para a festa, así que, á parte das aportacións dos veciños, a comisión organizou varias rifas, un maratón de fútbol 7 e mesmo ten previsto o sorteo de dúas entradas para o Gran Premio de Valencia do Mundial de Motociclismo, que se celebrará o 26 de outubro en Cheste. O resto confían en conseguilo nesa noite máxica, para a que este ano, ademais, hai un cartel de luxo coas orquestras Panorama e Versalles. Houbo quen preguntou se había zona de acampada ou se podía alugar unha habitación. Este ano non poderá ser, pero todo se andará.