O secretario de Estado de Asuntos Constitucionales y Parlamentarios, Francisco Caamaño, leu o pregón invitando á lectura e apoiando á escrita en galego
12 ago 2008 . Actualizado a las 02:00 h.O museo Fernando Blanco de Cee foi o lugar escollido polo Concello para presentar a última edición da Feira do Libro. A chuvia desluciu algo a apertura dos postos, pero os lectores terán tempo de pasear pola Alameda e de mercar alí algúns libros ata o próximo día 14.
O pregón deste ano correu a cargo dun ceense de longa proxección, o secretario de Estado de Asuntos Constitucionales y Parlamentarios, Francisco Caamaño, quen puxo a Cee e a súa feira do libro como exemplo e animou a que esa actividade siga correndo parella coa celebración das festas da Xunqueira.
Caamaño valorou especialmente que se fomente a lectura en lingua galega, e destacou o feito de que ese é o idioma que se emprega na comarca: «En Ameixenda non lles chamamos mojón, senón marco», puxo como exemplo do uso da propia linguaxe.
O feito de regalar un libro é, segundo Caamaño, un «xesto profundo de amizade, de aproximación entre culturas».
Na presentación non estivo só. Con el estiveron o alcalde de Cee, Ramón Vigo Sambade; a vicealcaldesa, Amancia Trillo, e o concelleiro de Cultura, Xesús Garea.
A feira arrancou pola mañá, con cinco librerías cos seus respectivos postos abertos ao público. Unha é de A Coruña, dous de Carballo e dúas máis, de Cee e Vimianzo.
Mañá e tarde
Os postos abrirán de once da mañá a dúas da tarde e de seis a dez da noite ata o próximo xoves. Despois deberán deixar sitio aos concertos e a outras iniciativas de ocio organizadas para as festas.
A venda de volumes non é a única actividade cultural programada. Onte, ás sete e media, asinaba exemplares da súa última obra o poeta fisterrán Alexandre Nerium. Hoxe, á mesma hora, está previsto que faga o propio a ceense Concha Blanco.
A exhibición de bailes tradicionais que estaba programada para onte na Alameda suspendeuse por causa da auga, como tamén a actuación do grupo Alakrán, o día anterior.
O xoves, haberá tamén en Cee unha exposición co título Dous por tres , con ilustracións de libros infantís. Está previsto tamén que ese día se realice un taller de literatura para os nenos. Na exposición participarán dous autores, o ilustrador José Tomás e o escritor Miguel Vázquez Freire.
Cee é o único municipio da Costa da Morte -xunto con Carballo- onde se celebran feiras do libro. Se o bo tempo acompaña, a venda está asegurada. Nos postos pódense atopar as últimas novidades editoriais, pero tamén libros sobre a comarca e literatura para todas as idades e para todos os petos. Ler é unha boa opción para amenizar as vacacións.