Concha Blanco e a súa obra

E. E.

CARBALLO

A escritora ceense participou onte no Couto?na Semana Cultural da Fundación Eduardo Pondal

18 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro da Semana Cultural organizada en Ponteceso con motivo da inauguración da Fundación Eduardo Pondal, a escritora ceense Concha Blanco participou onte nun encontro con profesores de toda Galicia.

Na recén estreada sede da entidade, en O Couto, a escritora repasou os motivos que lle levaron a escribir. Recordou os seus tempos como profesora en Dumbría, nun tempo no que lle resultaba imposible ofrecerlle textos en galego aos seus alumnos. E precisamente de aí partiu a súa vocación literaria.

A publicación do seu primeiro libro tivo lugar o mesmo ano no que se aprobou o Estatuto de Autonomía e Blanco recordou as condicións políticas e sociais daquela época, na que non resultaba doado escribir en galego. Tamén falou do influxo de obras como Memorias dun neno labrego , de Xosé Neira Vilas, e das sensacións que aquela obra trataba de transmitir.

«Tentei de facer de transmisora da lingua galega», explicou a escritora tras o encontro, no que participou un nutrido grupo de mestres.

Desde que comezou coa súa primeira obra, Concha Blanco publicou máis de 30 libros en solitario. No Couto fixo un repaso dalgúns deles e tamén leu ante os profesores fragmentos de tres deles, o que lle permitiu falar da súa poesía, o seus contos e as novelas.

A súa exposición completouse coa posta en escena, por parte da compañía Trécola, dun dos seus títulos máis coñecidos, A vaca titiriteira . Fixérono como contacontos, con música de fondo, con sons de guitarra e imaxes planas proxectadas das personaxes.

Foi unha obra interactiva na que o narrador invitou a participar a varios nenos que se encontraban entre o público. La adaptación, segundo explicou Concha Blanco, foi moi acertada e gustou moito aos asistentes. A escritora mostrouse tamén moi satisfeita coas instalacións da Fundación Eduardo Pondal, que percorreu trala súa conferencia.

O programa de actividades da Semana Cultural continúa esta tarde con novas propostas didácticas para nenos e profesores.