«Creo que podemos conseguir tres deputados ou máis»

CARBALLO

Fai case dous anos, Manuel Soto Caamaño, ao que todos coñecen como Carballo, estreábase na política como candidato de Terra Galega por Vimianzo. Non logrou acta de concelleiro, pero segue vinculado á formación de maneira activa. Forma parte da candidatura da súa formación para as eleccións do 1 de marzo. Vai nun posto sen saída, o 15, pero está animado a colaborar «nun proxecto común». Soto está casado e ten dous fillos. -¿Como afronta esta primeira participación nuns comicios autonómicos? -Ben, con ganas de traballar a ver se podemos facer algo. Eu creo que si, que temos posibilidades de lograr representación. -Dígame un número de escanos. -Creo que podemos conseguir tres deputados, ou máis. -¿Cal vai ser o seu traballo na campaña? -O de axudar ao líder, a Xoán Gato. Irei a actos nos que participe e el virá a Zas e a Vimianzo. -¿Que pode aportar Terra Galega dentro do panorama político galego? -Moitas cousas. Aire fresco no panorama autonómico, outro xeito de facer as cousas e, con sorte, un cambio político en coalición con outro grupo. Creo que é unha opción que hai que ter en conta. -¿Que reaccións está tendo tras coñecerse que forma parte das listas? -Moi boas, estou contento con iso. A xente (os amigos, os veciños, os coñecidos) apóianme. Cando estás nun partido pequeno, a xente dáche un respaldo importante, non hai tantos condicionantes como se estiveses nun dos tres grandes. Nós somos a cuarta forza, somos independentes.