Tres nomes propios para o 2008

CARBALLO

O Padroado Fogar de Bergantiños porá en marcha o vindeiro sábado o proceso de elección dos personaxes do ano pasado

11 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O proceso para a elección dos premios Carballés, Bergantiñán e Galego do 2008 vén de poñerse en marcha. O Padroado Fogar de Bergantiños convocou para o vindeiro sábado, día 14, aos membros do consello asesor, integrado por representantes dos sete concellos e dos medios de comunicación con presenza na comarca. Desa reunión sairá a primeira relación de candidatos.

Fai xa 31 anos que os premios forman parte da vida da bisbarra e, sobre todo, da súa capital, onde naceron e onde teñen aínda a súa sede. Ao longo de todo este tempo foron galardoadas persoas, empresas e entidades de todo tipo que, na opinión do xurado, teñen destacado pola súa contribución á zona.

Os galardóns teñen un valor especial debido a que son as asociacións as que os outorgan. Inicialmente foron as de Carballo, pero nas últimas edicións, dende a creación do Padroado Fogar de Bergantiños, que preside José Luis Calvo Pumpido, sumáronse moitos colectivos doutros puntos do territorio bergantiñán. O obxectivo é que teñan cada vez unha participación máis activa, e que os corenta que participan, de media, nas votacións anuais se convertan en moitos máis.

Neste proceso que acaba de comezar, unha vez feitas as propostas por parte do consello asesor, as relacións de candidatos serán enviadas a todas as entidades, que poderán engadir aínda máis nomes á lista. Rematado o prazo de presentación de propostas, o Padroado Fogar de Bergantiños confeccionará a relación definitiva e convocará ás asociacións para elixir aos gañadores. Nos últimos anos, por certo, as votacións son moi rifadas, e mesmo se teñen producido varios casos de empate, o que derivou na concesión de premios compartidos. Sexan tres ou máis, tan pronto como se coñezan os seus nomes faráselles o convite correspondente para que acudan a recoller os galardóns a Carballo. A entrega oficial, que ten como sede o salón de plenos da casa consistorial, convértese en cada edición nun importante acto social.