A carballesa di que goza de cada minuto de rodaxe e que está moi ilusionada co proxecto de Voz Audivisual
21 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.María Tasende (Carballo, 1977) entra desde a semana pasada nos fogares de todos os galegos grazas á serie Matalobos, última estrea de Voz Audiovisual e que arrasou no prime time nocturno na última emisión. A carballesa encarna a avogada Sara Campos, que se ve involucrada nunha trama de narcotráfico. María está moi ilusionado con este novo proxecto, a pesar de que leva varias semanas nun ritmo frenético de rodaxes e ensaios. Unha das cousas que máis valora do seu traballo é «que non hai rutinas, xa que cada xornada é diferente».
-¿Como está indo a experiencia de «Matalobos»?
-Moi boa, estou gozando moito deste proxecto e estou contentísima.
-¿Como é un día de rodaxe na vida de María Tasende?
-A verdade é que ningún día é igual a outro. Todo depende da convocatoria da rodaxe e da hora á que comezamos, ás veces é a primeira. Unha vez que arranca o día tes que pasar por vestiario, maquillaxe, repasamos os textos e gravamos as escenas. O bo deste traballo é que non hai rutinas, xa que cada xornada é diferente.
-¿Qué é o máis destacable do seu personaxe?
-É unha persoa tranquila. Sara Campos é avogada e sempre viviu nun entorno moi próximo ao narcotráfico [o seu pai dedicábase a defender aos narcos], pero de repente a súa vida cambia e as cousas non saen como tería que saír. Así, comeza a entrar en contacto con este problema. Creo que é unha persoa moito máis decidida ca min, e á vez, moitísimo máis tradicional.
-¿Imponse algunha regra cando está de rodaxe?
-A verdade é que non teño ningunha regra nin nada, este traballo non é rutinario polo que non é bo poñerse pautas. O mellor para a rodaxe é facer un bo análises do texto, é necesario. Outra das cousas que fago para meterme na pel do personaxe é tirar da imaxinación e das túas propias experiencias, porque sempre atopas algo da túa vida que podes engadir para facer máis rica a interpretación.
-¿Por que se presentou ao casting?
-Estaba terminando Padre Casares e facendo un curso en Madrid e propuxéronme facer o casting e a cousa foi ben, a verdade é que nese momento estaba pendente doutros proxectos non era o único que tiña, pero traballar en Galicia é un atractivo. A terra sempre tira.
-¿Como é a relación co equipo de «Matalobos»?
-Boísima, precisamente o mellor é que o equipo está moi implicado na serie e iso provoca que haxa un ambiente de traballo moi agradable, iso xoga ao noso favor. Estamos gozando con este proxecto.