O «agarimo da terra» de Brañas

CARBALLO

O ilustre político e pensador foi homenaxeado no Panteón de Galegos Ilustres de Compostela, nun acto que contou con presenza da familia e de sete institucións

17 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No Panteón de Galegos Ilustres, onde está soterrado, Alfredo Brañas (Carballo, 1859-Compostela, 1900) é lembrado como «Boo cristiano, agarimo d'a terra galega, sabido maeso n'a escola compostelana». Esas características foron aludidas na homenaxe que sete institucións e a familia lle tributaron onte en San Domingos de Bonaval, para conmemorar os 150 anos do seu nacemento.

Evencio Ferrero, alcalde de Carballo, lembrou como Ramón Piñeiro, a quen este año se dedica o Día das Letras «defendeu a figura poliédrica de Brañas» e como «Galicia sempre foi o norte das súas ideas». Referiu o discurso A causa do rexionalismo , proferido en Carballo en marzo de 1890, e como se apoiou desde a vila de Bergantiños a xunta pro-monumento a Brañas en 1959, en Santiago. O Concello que preside Ferrero, que organizaba este acto, reeditou Víspora de San Xuan. Poesía de Costumes Gallegas , unha obra do homenaxeado que se entregaba no acto, ben como un documento con información biográfica, que recolle os espazos dedicados a Brañas en Carballo, e reproduce o «Himno galego» que este ilustre conterráneo compuxo e que foi musicado por Luís Taibo. Alén do presidente da Cámara Municipal carballesa acudiron a Santiago varias persoas e concelleiros de todos os grupos municipiasis para testemuñaren esta actividade.

Santiago Rodríguez Brañas, da familia do homenaxeado, interpelou na continuación á Real Academia Galega para que o recoñeza, pois ten tamén produción en Galego e foi «pioneiro na fundación» desa institución. Mercedes Queixas, profesora en Coristanco, representou á Asociación de Escritores en Lingua Galega: dixo que o pensamento e obra de Brañas estaban «ao servizo dun pobo con identidade propia», e aludiu a Rosalía de Castro.

Antonio Erias, da Fundación Alfredo Brañas, agradeceu as homenaxes e salientou a «coherencia» e «amor patriótico» dunha figura que, dixo, «nos une a todos»

O Reitor da USC, Senén Barro, lembrou o relacionamento de Brañas coa institución, onde se formou como xurista, político, xornalista, escritor e pensador.? Euloxio Ruibal, da Real Academia Galega, fixo unha intervención reivindicativa, en que se insurxiu contra os que queren «amordazar» o galego e pediu «medidas para evitar ataques á dignidade do noso pobo» e para «garantir o uso como idioma cooficial» e a súa «normalización». Tamén dixo que Brañas puxo os alicerces para ese obxectivo, e citou Castelao como modelo.

Andrés Fariña, edil de Santiago, destacou a estada de Brañas na cidade, os seus paseos «da Alameda ao casco histórico», e lembrou a rúa que ten dedicada no Ensanche.

Finalmente, o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, afirmou ser Brañas «un referente esencial».

Após os discursos, Miro Casabella interpretou dous temas, un deles unha versión do «Himno galego» de Brañas; e a banda de gaitas de Carballo cantou o himno galego oficial, antes da ofrenda floral no Panteón.